O feminismo pontevedrés mostra unha vez máis a súa forza na manifestación do 8M
Por Redacción
Nin o feito de ser domingo, nin a choiva que protagonizou boa parte da xornada pero que desapareceu no momento xusto, foron impedimento para que as mulleres de Pontevedra mostrasen unha vez máis o seu rexeitamento ao machismo elevando un berro claro e rotundo en favor da igualdade.
Unha concorrida manifestación percorreu as rúas do centro da cidade como punto culmen aos centos de actividades desenvolvidas ao longo da semana con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.
"Todas xuntas somos un berro que non poden, aínda que queiran, desouvir", lembraba no manifesto da plataforma de colectivos e mulleres Galegas 8M.
A de Pontevedra foi a manifestación central da comarca, unindo o berro das mulleres de diferentes localidades. Así, desde Vilaboa partiu unha 'treboada feminista' a pé á primeira hora da tarde uníndose a colectivos chegados de Marín, Poio ou Ponte Caldelas para acudir xuntas á marcha que partía ás 17:30 horas desde a praza do Hospital Provincial.
Desde alí, o percorrido ata A Ferrería pasando por Benito Corbal, Sagasta, Praza Galicia, Andres Muruais, Augusto González Bicada e Oliva converteuse nunha auténtica marea violeta cunha soa voz, a que pedía entre outras cousas unha sociedade con igualdade real de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes e a que gritaba de rabia contra a violencia de xénero e as agresións sexuais que seguen sufrindo miles de mulleres.
Nesta ocasión quíxose tamén poñer o foco de atención nunha realidade moitas veces invisible, a das coidadoras, ás que se dedicou o Día Internacional da Muller 2020. 'Sen coidados non hai vida', rezaba o lema principal da xornada, porque "é necesario entender toda a teoría dos coidados desde unha visión de corresponsabilidade. É preciso que os homes comecen a ocupar esta esfera", sinalaron desde Galegas 8 M en representación dos numerosos colectivos participantes.
Ademais "é indispensábel que os coidados pasen a un primeiro plano, profesionalizando e optimizando este tipo de traballos, dotando a todas as traballadoras do fogar e de coidados dos dereitos laborais e de protección social que nos corresponden, garantindo o acceso a prestacións por desemprego e xubilación, obtendo salarios acordes ao valor do traballo", explicaron como reivindicación.
A marcha concluíu cunha concentración na Ferrería na que as participantes corearon moitas das súas consignas e onde se leu o manifesto elaborado para a ocasión.
Relacionadas:
-
Retratos de mulleres do rural galego, achega de Pontevedra ao Inside Out Project
Por Alejandro Espiño |
-
Poio homenaxea con motivo do 8M a cinco mulleres que "axudaron a construír a vila que somos hoxe"
Por Redacción |
-
"Un país sen feminismo é un país sen xustiza"
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra dá o pistoletazo ao 8-M co despregamento dunha pancarta reivindicativa
Por Redacción & Boris Rodríguez Pintos |
-
Galegas 8M amosa o seu malestar con PSOE e PP por poñer "atrancos" ás manifestacións feministas de Pontevedra e Marín
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Pontevedra pedirá este 8M "corresponsabilidade" entre homes e mulleres para "equilibrar" a sociedade
Por Alejandro Espiño |