O Concello remata a reparación da cuberta da escola infantil da Parda
Por Redacción
As obras para a eliminación das pingueiras que había na escola infantil da Parda xa están rematadas. Os traballos, encargados pola concellería de Educación, obrigaron a reparar a cuberta deste centro educativo.
Tan só resta, segundo o tenente de alcalde, Tino Fernández, algúns remates e a instalación dalgúns canlóns. Así llo transmitiu na xuntanza que mantivo coa directora da escola, Patricia Santiago.
A empresa ACEVI foi a que executou estas obras, pola vía de urxencia, cun investimento de 66.224 euros.
O proxecto consistiu a instalación dunha cuberta formada por un panel de chapa de aceiro con acabado lacado e unha chapa interior de 0,6 milímetros con núcleo de espuma.
As obras incluíron a renovación dos sistemas de canalización, mediante a colocación de canlóns interiores tipo sándwich formado por dúas chapas de aceiro con illamento térmico a base de la de vidro.
O edil socialista amosouse "moi satisfeito" da rapidez coa que se realizou esta intervención e precisou que "a proba de algodón" dos traballos producirase cando volva chover para, no caso que sexa necesario, "facer as correccións oportunas".