Rafa Domínguez cre que as pingueiras na escola infantil da Parda demostran o "abandono" do Concello
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, valorou este mércores as filtracións e pingueiras que ten no centro de educación infantil A Galiña Azul, na Parda, e que obrigou a pechar parcialmente o edificio.
Rafa Domínguez asegura que se trata dun "abandono claro por parte do Concello de Pontevedra, levando mesmo á xerencia do Consorcio para contactar esta semana directamente coa concelleira responsable para urxirlle á reparación inmediata das deficiencias. Tivo que vir o Consorcio para dar un tirón de orellas ao Concello e estes tomaron medidas temporais, nada definitivo".
Domínguez subliñou que se o Concello "non toma ningunha medida seria e a longo prazo que permita o normal funcionamento da escola, o Consorcio veríase no deber de suspender temporalmente a actividade nas aulas afectadas". Por iso, Domínguez urxiu ao organismo municipal "poñerse as pilas, escoitar aos pais e dar solucións responsables de maneira inmediata".
A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, amosouse "absolutamente abraiada " polo feito de que, días despois de que o Concello aprobase un proxecto para a reparación do teito do edificio, e unha vez de que os técnicos da Oficina Municipal de Arquitectura (OTA) optasen pola elaboración dun informe de emerxencia para darlle unha solución o máis rápida posible ao problema, "o voceiro do PP faga o ridículo esixíndolle ao Goberno local que resolva a situación".
"Coido que o señor Rafa Domínguez vai cuns cantos días de retardo neste asunto", suliñou a socialista, "máxime cando xa existe unha proposta sobre a mesa que será tramitada pola vía de emerxencia e que consiste en aillar a cuberta cunha chapa galvanizada ou lacada".
Castro cre que "quizais houbo un erro de comprensión leitora por parte do popular", xa que "quedou indicado por activa e por pasiva que a lámina impermeabilizante que se instalou nestes días ten un carácter provisorio" e que a Concellería de Benestar Social e a OTA realizarán un investimento cercano aos 60.000 euros "para eliminar as goteiras de xeito definitivo".
En todo caso, "por se precisase algunha outra aclaración", a edil do PSOE ofrécese a explicarlle o proxecto a Domínguez "para que se poña ao día no asunto e non reclame algo que xa está marcha".
Por outra banda, a socialista lembra que o Concello fará unha reclamación ante a empresa por vicios ocultos na construcción, ao entender que houbo unha galvanización deficiente na chapa que cubre o teito (o edificio foi rematado en 2010 e a Administración municipal ten unha garantía de mantemento de 15 anos).