O Pazo da Cultura acolle o encontro do Grupo de Deportes do Eixo Atlántico
Por Redacción
Ao redor de trinta alcaldes, concelleiros e técnicos de Deportes de Galicia e Portugal serán os protagonistas da xuntanza do Grupo Temático de Deportes do Eixo Atlántico do noroeste peninsular, que se vai desenvolver este venres no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, será o representante municipal neste encontro e avanza que durante esta cita van coñecerse as candidaturas para organizar os vindeiros Xogos do Eixo Atlántico, un evento en que participan máis de 1.800 deportistas.
Os Xogos do Eixo Atlántico desenvólvense desde o ano 1995 e buscan a promoción da actividade deportiva, a convivencia entre a mocidade e o coñecemento entre a cidadanía das dúas zonas. Celébranse cada dous anos e trátase dun acontecemento deportivo de carácter transfronterizo único en Europa.
O encontro comezará ás 11.00 horas coa presentación da memoria dos anteriores xogos, que se celebraron na cidade portuguesa de Braga. Tamén vai desenvolverse a celebración do VI Seminario de Intercambio de Experiencias 2020.