138 estudantes pontevedreses representarán á Boa Vila nos Xogos do Eixo Atlántico
Por Redacción
A cidade portuguesa de Maia acolle este mes a celebración dos Xogos do Eixo Atlántico do 2022, nos que participarán 138 estudantes pontevedreses que este venres recibiron o apoio do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; e o xefe do servizo municipal de Deportes, Jaime Agulló.
A delegación pontevedresa partirá cara á urbe lusa o vindeiro luns e no seu discurso de despedida, o rexedor animounos a "máis que gañar e competir" a ser referentes en "comportamento, xogo limpo, loitar sen trampas e deixar unha boa imaxe da cidade". Aínda que no goberno local non hai ningunha dúbida de que moitos deles regresarán con grandes resultados na maleta, Lores quixo destacar a honra que supón "levar ou nome de Pontevedra alí onde estades, iso é moi importante", remarcou.
Neste sentido, o mandatario nacionalista mostrou o seu asombro pola cantidade e calidade dos deportistas de todas as idades que hai en Pontevedra. "Non hai cidade de 80.000 habitantes na que se faga tanto deporte e en tan altas categorías", rematou antes de desexar sorte a todos os participantes.
FÚTBOL A PÉ
O complexo deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira acollerá este sábado a primeira edición do torneo Concello de Pontevedra de fútbol a pé. Trátase dunha modalidade do balompé na que está prohibido correr. É unha variedade inclusiva do fútbol pensada para que poidan xogala todas as persoas independentemente da súa idade, xénero ou condición física.
Enmarcado no programa municipal de Deportes A vida é Movernos, o campionato celebrarase de 9 a 14 horas e contará con equipos procedentes de Cangas e Mos, ademais dos pontevedreses que se animen a participar.
A organización conta coa participación de oito equipos que se dividirán en dous grupos. Cada equipo deberá estar formado por oito xogadores, xogan seis por equipo, e cada partido terá unha duración total de 18 minutos a tempo corrido.