O Eixo Atlántico pedirá ao Goberno avanzar na saída ferroviaria de Vigo cara Portugal
Por Alejandro Espiño
Mellorar as conexións entre Galicia e Portugal. É a petición que o Eixo Atlántico, o organismo que agrupa a 35 municipios galegos e do norte de Portugal, trasladará ao Goberno español nunha reunión que os seus responsables manterán no Ministerio de Fomento.
Así se acordou no seo da comisión executiva do Eixo Atlántico, reunida este luns no Pazo de Mugartegui de Pontevedra.
Neste encontro informouse da posta en marcha da electrificación ferroviaria da Linha do Minho ata Barcelos e a previsión da súa chegada a Viana en xaneiro.
De cara o futuro, explicou, trasladarán a Madrid a prioridade que para os municipios do Eixo Atlántico ten a saída sur ferroviaria de Vigo cara Portugal ou as conexións interiores como é o caso da autovía A-76 e o Corredor Atlántico.
A comisión executiva do Eixo Atlántico, nesta mesma reunión de Pontevedra, aprobou un orzamento de 4,3 millóns de euros para a execución de programas e actividades en 2019
O 75% deste orzamento, que deberá ser ratificado pola asemblea xeral da entidade en febreiro, destinarase ao desenvolvemento de programas, entre eles dos Xogos do Eixo, que se celebrarán en Braga en xullo, ou a feira de turismo Expocidades, tamén en Braga.
Tamén se inclúen neste orzamento a Bienal de Pintura, os traballos da Axencia de Ecoloxía, a elaboración de informes e estudos, así como as estratexias que desenvolve en materia de infraestruturas, internacionalización, colaboración con América Latina e acción exterior ou os traballos para a posta en marcha do Plan de Acción da Axenda Urbana.
Ademais, ratificouse a candidatura da cidade de Braga para acoller a Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2020, así como o Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Educación en Barcelos, no segundo trimestre de 2019.
Ao finalizar a reunión, o presidente do Eixo, Alfredo García, e Aires Pereira, presidente de Lipor -Serviço Intermunicipalizado de Gestão de Residuos do Grande Porto-, Aires Pereira, asinaron un protocolo de colaboración co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos domésticos nos municipios do Eixo Atlántico.
Este protocolo busca axudar ás cidades no cumprimento do obxectivo 2020 para a reciclaxe e reutilización, tanto en España como en Portugal, facilitar o acceso o financiamento europeo e aumentar a proxección como grupo de influencia en materia de xestión de residuos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.