Bueu recollerá propostas entre os veciños para elaborar o seu plan de mobilidade
Por Redacción
O plan de mobilidade no que está traballando o Concello de Bueu incorporará, na súa segunda fase, as achegas dos veciños. Así o confirmou o goberno municipal, que explica que a empresa adxudicataria destes traballos, Terravanza, xa está organizando unha asemblea veciñal.
Ata o de agora, os traballos para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Bueu reuniron información técnica sobre o municipio, analizando cuestións como a normativa urbanística, a distribución do territorio ou a cartografía para ter unha visión global sobre a que propoñer medidas e retos aos que enfrontarse.
Entre as cuestións que se pretenden solucionar co PMUS están a mellora integral do barrio da Banda do Río, os accesos ao cemiterio ou a busca dunha boa conexión co tanatorio, a accesibilidade aos diversos espazos para as persoas con mobilidade reducida ou as de liñas autobuses.
A concelleira de Medio Ambiente, Tamara Sotelo, explicou que este plan, que se elaborará con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra, suporá un gran avance para determinar os principais problemas e as prioridades de cara a mellorar a mobilidade.
Seguindo coas liñas estratéxicas que o goberno local leva anos impulsando, o PMUS suporá un gran avance, sobre todo porque se concibirá como o instrumento de referencia á hora de mellorar as redes de comunicación do concello, construíndo espazos para a cidadanía e fomentando unha necesaria sintonía co medio ambiente.