A Deputación subvenciona e avala os plans de mobilidade de 37 concellos
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de subvencionar e avalar os Plans de Mobilidade Sustentable (PMS) de 37 concellos da provincia para fomentar mobilidades alternativas e recuperar espazos públicos.
O dato foi confirmado este martes polo deputado Uxío Benítez logo dunha reunión de traballo coas consultoras e enxeñerías que redactaron ou están a finalizar os traballos encargados polos concellos da provincia ao abeiro da convocatoria de axudas do departamento de Mobilidade.
Benítez lembrou que a liña de axudas para os PMS aprobouse a finais de 2017 co fin de incentivar e promover que os concellos establecesen unha planificación das súas políticas camiñando cara o fomento de mobilidades alternativas e a recuperación dos espazos públicos. En abril de 2018 adxudicáronse axudas por preto de 600.000 euros a 42 concellos e estes contrataron ás respectivas consultoras. Estas traballaron nun prazo de 18 meses que rematou recentemente, estando agora en fase de presentación final dos proxectos dos PMS e de entrega de documentación para que a Deputación valide definitivamente os plans.
Finalmente, dos 42 concellos houbo renuncia de cinco, co que finalmente son o 62% dos concellos da provincia os que teñen ou van ter un PMS financiado e avalado pola Deputación. Entre os máis avanzados están Caldas de Reis, Moraña, Portas e Meaño, que están en trámites de xustificación; pendentes de recibir documentación e con informes xa emitidos están O Grove, Ponte Caldelas, Poio, A Lama e Cuntis; e pendentes de informe ou de recibir documento inicial Sanxenxo e Bueu, dado que se lles deu máis tempo por cuestións burocráticas.
Benítez lembrou que a existencia dun PMS para estes concellos vai axudar a acceder a fondos europeos de financiamento para accións de mobilidade sustentable, polo que indicou que son unha ferramenta indispensable non só de planificación senón tamén para conseguir orzamento.