Moraña pon en marcha a reforma integral do local social do Buelo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A reforma integral do local social do Buelo, actuación enmarcada no plan municipal de mellora dos edificios públicos de Moraña, xa está en marcha.
O proxecto de conservación deste local social, que era a antiga Escola das Nenas, consiste na modernización de todos os acabados interiores, a carpintaría e os aseos.
Así, estase procedendo á demolición de tabiques e á construción doutros novos para o baño co obxectivo de acometer unha importante reordenación de espazos. Posteriormente, realizarase a dotación de nova carpintaría metálica e pavimentos e a instalación de novos servizos sanitarios, eléctricos e de iluminación para rematar co pintado xeral.
Esta actuación, que foi adxudicada á firma local Almoraña, completará a mellora dunha zona que tamén conta co local cultural do Buelo -a antiga Escola dos Nenos- e cun espazo axardinado en forma de praza que foi acondicionado recentemente.
A reforma integral deste local social está sufragada cun investimento de 96.000 euros que incluíu tamén a renovación dos aseos do CPI Santa Lucía e a modernización do sistema enerxético e de calefacción da antiga escola de Santa Xusta.