Moraña renova a sinalización viaria horizontal da zona escolar e deportiva
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de realizar unha importante actuación para reforzar a seguridade vial e peonil na zona escolar e deportiva do casco urbano de Santa Lucía coa renovación integral da sinalización horizontal da rúa 7 e do seu entronque coas pistas cara o Río e As Cortiñas.
Deste xeito, procedeuse ao pintado completo de todas as marcas viais na glorieta situada ao final da rúa e noutros elementos visuais como illas, carrís de tráfico, sinais de circulación, zonas de aparcadoiro, pasos de peóns e puntos de acceso aos principais inmobles e servizos desta contorna urbana.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, achegouse ata a zona para comprobar o resultado final dos traballos e estivo a departir cun responsable da empresa que realizou a obra, xa que dende o goberno local se lle fixeran certas suxestións para favorecer a visibilidade e funcionalidade desta sinalización.
Cómpre sinalar que esta zona de Santa Lucía é das máis concorridas do casco urbano, xa que acolle diariamente a centos de usuarios das instalacións educativas e deportivas e ademais conta cun elevado tráfico de vehículos. Así, nesta rúa emprázanse o CPI Santa Lucía, a gardería "A Galiña Azul" da rede autonómica da Xunta, o pavillón municipal, o campo de fútbol do Buelo e a pista multideporte.
A rexedora amosou a súa satisfacción pola actuación, "xa que mellora e moito a seguridade dunha zona moi transitada e que ademáis recibe diariamente a centos de nenos, polo que todas as medidas deben ser reforzadas". Neste senso, indicou que a nova sinalización horizontal "era unha necesidade e, como tal, dende o goberno local estivemos atentos para acometela tan pronto como cesaron as choivas do pasado outono".
A actuación dá continuidade ás melloras viarias no casco urbano despois do recente reasfaltado das rúas Doutor Batallán, 1, 8, 10 e 11.