Moraña inicia a construción do Circuíto Pump-Track
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de comezar as obras de construción dun Circuíto Pump-Track, unha instalación de lecer orientada a bicicletas de montaña e á práctica de deportes de inercia e que se empraza nas inmediacións do campo de fútbol e da pista multideporte do Buelo.
Esta actuación, que ten un orzamento de 45.631 euros e está a ser executada pola empresa Galitec, recibíu unha visita inicial por parte da alcaldesa, Luisa Piñeiro, e do concelleiro Adrián Fernández-Albor, que comprobaron os primeiros movementos de terra e anunciaron que a pista será unha realidade nun breve prazo, xa que se estima que estará rematada, se a climatoloxía o permite, antes de que remate o presente exercicio.
O recinto levantarase cunha intervención mínima e quedará perfectamente integrado no terreo, xa que se aproveitarán as pendentes existentes e ademais terá unha altura escasa, de apenas 105 centímetros. Polo demais, as obras de construción consistirán no emprego de zahorras compactadas sobre as que se disporá unha capa de aglomerado asfáltico cunha posterior terminación de slurry para favorecer a circulación e o agarre.
Así mesmo, tamén está previsto que a evacuación de auga da pista se realice a través dun dobre sistema, cunha canalización con tubos de drenaxe e tamén aproveitando o desnivel propio do terreo natural do seu emprazamento.
O circuíto, ao que se accederá a través da rotonda da rúa número 7, terá unha superficie total de case 500 metros cadrados, dos que 211 serán para a zona de rodadura, 138 para taludes e 130 para as illas interiores. Contará con catro curvas, dúas delas de 180 graos e as outras de 90, e estará realizado con materiais de primeira calidade con marcado CE para garantir a seguridade.