Catro árbores, dúas bólas xigantes e "máis luces": así será a iluminación do Nadal da Boa Vila
Por Diego Espiño
O Nadal está ao virar a esquina e Pontevedra está preparada para el. A concelleira de Festas da cidade, Carme da Silva, presentou este luns a programación do Nadal da Boa Vila, empezando polo acendido de luces que marcará o inicio da época festiva e que se producirá o vindeiro xoves 5 de decembro ás 18:00 horas.
"Vai haber máis zonas con luces e máis luces nas zona que xa había", recoñeceu a edil sobre a iluminación, que chegará por primeira vez a rúas como Augusto García Sánchez, Praza de Galicia, Avenida da Estación, Josefina Arruti, Avenida de Vigo, María Vitoria Moreno, Xeneral Rubín, Loureiro Crespo ou Avenida de Lugo.
O acto de aceso levarase a cabo na Praza da Ferrería, punto destacado coa súa árbore luminosa de 20 metros de altura, cunha actuación musical e un "espectáculo aéreo sorpresa", sinalou Da Silva. Non será en todo caso a única árbore que decorará as rúas, xa que se instalará outra de 10 metros en Curros Enríquez e dúas máis de 7 metros de altura en Méndez Núñez e a praza do Hospital Provincial, ademais de dúas bólas xigantes fronte á Audiencia Provincial e no cruzamento das rúas Peregrina e Daniel da Sota.
En total a instalación dos paneles de luces inclúen 386 motivos repartidos por toda a cidade, desde o centro histórico ás parroquias, un traballo desenvolto pola empresa Porgesa, de Puente Genil, cun orzamento próximo aos 115.000 euros.
PROGRAMACIÓN DE NADAL
O xoves 5 de decembro dará comezo de maneira oficial o período do Nadal, que se prolongará cunha multitude de actividades ata o día 12 de xaneiro.
Ademais de Pontexogos, Pontenadal e Mundonadal, a programación inclúe actividades no centro da cidade e en diferentes locais sociais. Como novidade, explicou Carme da Silva, A Ferrería e a Praza de Ourense xunto ao centro histórico acollerán diversas accións de animación na rúa como as 'Trasnadas de Nadal', as 'rondallas' musicais ou a visita do Apalpador e a Apalpadora que " xa volo digo son enormes", recoñeceu a edil.
Todo iso sen esquecer citas teatrais, danza, ou música cos concertos de Carlos Núñez (21 de decembro) ou o tradicional Concerto de Ano Novo (1 de xaneiro).
A outra gran cita do nadal chegará o 5 de xaneiro coa chegada dos Reis Magos, que como é tradición realizarán un breve percorrido pola cidade xa de mañá para chegar á recepción que lles preparaá o Concello ás súas Maxestades no Pazo de Mugartegui (11:00 horas) como previo á gran cabalgata de Reis que partirá ás 18:00 horas de José Malvar para percorrer as rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena, Praza de España e Alameda.
Relacionadas:
-
Conta atrás para "As Nadaladas do Teucro', que terán 32 postos
Por Redacción |
-
O banco de Nadal da Ferrería, á espera dos seus primeiros ocupantes
Por Redacción |
-
Unha árbore cónica de 20 metros de altura ilumina xa o Nadal 2019
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Unha árbore cónica de 20 metros de altura ilumina xa o Nadal 2019
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Agora si, instalan a árbore "boa" na Ferrería
Por Oskar Viéitez |
-
Piden que luces e adornos de Nadal cheguen aos barrios e ás parroquias
Por Alejandro Espiño |
-
Plantan por erro na Ferrería a árbore de Nadal de Curros Enríquez
Por Oskar Viéitez |
-
O Nadal faise xa visible en Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello promete unha iluminación "digna" e sen "despilfarros" no próximo Nadal
Por Alejandro Espiño |