Máis de seis anos despois dan por rematada a reparación da focha da N-541 en Viascón
Por Redacción
Dende que en 2006 as riadas producisen unha gran focha na N-541 ao seu paso por Viascón, Cotobade, os veciños e usuarios da estrada nacional tiveron que convivir cos problemas ocasionados polo corte dun dos carrís.
Máis de seis anos despois unha visita do número dous de Fomento, Jorge Urrecho, serviu para dar por concluída a reparación de urxencia efectuada nos últimos seis meses e cumprir unha vella demanda do Concello de Cotobade, afectada por atrasos e pola situación económica da empresa OCA, que abandonou a obra no medio da súa execución.
Urrecho cualificou a finalización dos traballos como un feito de vital importancia "porque la N-541 es una de las principales vías de conexión entre la capital de la provincia y la meseta".
Tras manter unha reunión no Concello e a súa visita posterior a Viascón, o representante de Fomento acudiu tamén a Calvelo, en Tenorio, onde o alcalde de Cotobade lle trasladou a petición de mellorar os accesos da parroquia á mesma estrada, a N-541.