O Recinto Feiral viste de 'etiqueta negra' para presumir do mellor gourmet galego
Por Redacción & Diego Torrado
O arrecendo e o exquisito sabor dos produtos gourmet galegos inundou o Recinto Feiral de Pontevedra coa apertura da feira Etiqueta Negra. A xornada inaugural da súa cuarta edición foi un éxito absoluto de público que, desde o primeiro momento, encheu os corredores das instalacións interesándose polas propostas dos expositores.
Ata 110 profesionais están a mostrar na feira as novas tendencias do sector dos produtos gourmet e os pontevedreses están a responder a esta iniciativa, elixindo as súas compras entre unha ampla oferta gastronómica chegada de toda Galicia.
Durante a súa apertura, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que esta Etiqueta Negra é a edición da consolidación da feira, "na que conflúen todos os camiños cos que o sector agroalimentario galego se foi reinventando nos últimos anos".
Todos os produtos a disposición do público, engadiu o alcalde, foron elaborados "baixo os máis altos estándares de excelencia e calidade" e moitos deles propoñen aplicar na cociña ingredientes novidosos ou que se preparan de xeito "innovador" que, xunto coa "gastronomía de autor", están a converter a Galicia "nunha potencia no mundo".
A programación de actividades tamén está a cumprir coas expectativas e a zona de catas, a viñoteca ou o Espazo Etiqueta colgaron os carteis de capacidade completa en case todas as actividades. Unha das máis seguidas foi a exhibición de cociña de Pepe Solla.
De cara a este domingo, ademais de abrir as casetas expositivas, Etiqueta Negra volverá a abrir cunha chea de propostas relacionadas coa gastronomía.
O barista Gonzalo Rodríguez proporá ás 12.00 horas diferentes elaboracións de café e, a continuación, Moisés Rodríguez, o que fora cociñeiro do programa de televisión "Estache Bo!", amosará diversas receitas de produtos da nosa terra para beneficiarse dunha alimentación saudable sen renunciar ao pracer de comer.
Ás cinco da tarde, o cociñeiro pontevedrés Rubén González explicará o proceso de elaboración e os compoñentes imprescindibles de diferentes tapas creativas e de autor para que sexan clave de éxito; e a chef Yolanda León subirá ás 18.30 horas ao escenario xunto ao seu marido Juanjo Pérez para realizar un menú baseado por completo en setas, de plena temporada.
O tamén cociñeiro Iván Domínguez amosará en directo ás oito a súa cociña contemporánea, atenta as novas técnicas pero posta a disposición dos produtos do mar e da terra de Galicia.
Pola súa banda, haberá dous talleres sobre cociña creativa e saudable, impartidos pola blogueira Lady Compostela, para sacar o máximo partido ás legumes (11.30 horas) e propoñer opcións saúdables para deportistas (16.30 horas).
O mestre panadeiro Dani Pampín ensinará, por último, diferentes técnicas para aprender a elaborar, conservar e usar masa nai (18.30 horas) e impartirá outro obradoiro máis sobre formado de pan (19.45 horas).
A feira do gourmet galego permanecerá aberta este domingo, en horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas. A entrada custa tres euros e para os que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas haberá unha zona de comida e varios foodtrucks con interesantes propostas sobre rodas.
Relacionadas:
-
RADIO.- Facemos balance nas Conversas na Ferrería: "Etiqueta Negra ten un futuro inmenso"
Por Marisa Ciordia |
-
Etiqueta Negra despídese ata 2020 tras recibir máis de 8.100 asistentes
Por Redacción |
-
Etiqueta Negra resiste á chuvia e ás eleccións e mantén a gran asistencia da súa estrea
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, converte o Recinto Feiral nun centro delicatessen
Por Redacción |
-
A feira do gourmet galego Etiqueta Negra abre o prazo para participar nas actividades de formación
Por Redacción |
-
Pontevedra, capital do gourmet galego cunha nova edición de Etiqueta Negra
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |