Os pontevedreses eluden Cataluña nas súas viaxes do Imserso
Por Oskar Viéitez
"Viajamos para disfrutar, no para buscarnos problemas", xustifica Pedro. El é un pontevedrés que se confesa namorado de Barcelona pero que, do mesmo xeito que outros moitos xubilados, preferiu eludir a costa catalá como destino nas súas viaxes do Imserso.
Este mércores e xoves repetíronse as colas ás portas das axencias de viaxes, unha estampa que se rexistra cada ano co inicio da comercialización das viaxes do Imserso para maiores de 60 anos.
A conversación en todos estes círculos tamén era recorrente, os disturbios en Cataluña tras coñecer a sentenza do proceso independentista e a conclusión tamén era a mesma: "yo allí no quiero ir".
A primeira consecuencia é que algunhas localidades de costa como Barcelona, Lloret de Mar e Salou non figuran este ano entre os máis solicitados. "Mesmo hai xente que preferiu quedar na lista de espera para outros destinos antes que ir a Cataluña onde hai prazas libres", explican nunha das axencias.
Como curiosidade, os pensionistas pontevedreses, preferentes e non preferentes, que recibiron a súa correspondente acreditación optaron de maneira maioritaria por reservar prazas en destinos "de sol, porque este año poco lo hemos visto por aquí".