A ciberdelincuencia dispara as estatísticas de criminalidade en Pontevedra, que segue sendo "privilexiada" en seguridade e eficacia policial
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Pontevedra é unha provincia "privilexiada" en canto a seguridade e eficacia policial grazas, segundo destaca a comisaria provincial, Estíbaliz Palma, ao bo facer do corpo que ela comanda, a Policía Nacional, e da Garda Civil. A pesar de todo, e a que presenta unhas taxas de criminalidade inferiores á media estatal, hai unha tipoloxía de delincuencia que non para de crecer, a ciberdelincuencia e, en especial, as estafas a través de Internet, que "inflan" as estatísticas.
A valoración realizouna a máxima responsable provincial con motivo da festividade dos Santos Anxos Custodios, patróns da Policía Nacional. Antes da súa participación no acto institucional celebrado a sede de Afundación para celebrar o día grande do corpo, destacou as estatísticas van "ben", setembro foi "moi bo mes" e todos os datos analizaranse esta mesma semana nunha Xunta Provincial de Seguridade.
En xeral, este ano 2019 vaise "regularizando", pero as estatísticas desvirtúanse porque "segue incrementándose" a delincuencia cometida a través de Internet.
En todo caso, tanto Estíbaliz Palma como a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que presidiu o acto, destacaron as boas estatísticas. A comisaria indicou que España é un país moi seguro na contorna europea e a provincia de Pontevedra ten os números "moi por baixo" da media en canto á cantidade de delitos cometidos e "moi por encima" en canto á eficacia de resolución e a subdelegada engadiu que eses índices de infraccións penais conséguense, "entre outros aspectos", polo traballo da Policía Nacional, que atende a case a metade da poboación.
A comisaria non quixo entrar en datos específicos ao tratarse dun día de "celebración" que debe estar enfocado a que a Policía celebre con todas as institucións coas que adoita colaborar e coa sociedade en xeral e a distinguir a membros das Forzas e Corpos de Seguridade por feitos meritorios realizados e homenaxear a persoal civil pola súa colaboración.
Os Anxos Custodios deste ano son os primeiros que presidiu Estíbaliz Palma, que foi nomeada comisaria provincial hai xusto un ano, pero en 2018 non presidira os actos. Ela mesma fixo referencia a esta circunstancia durante o seu discurso, no que lembrou que este ano tamén se celebrou o 40 aniversario da incorporación da muller á Policía Nacional e que na actualidade xa "sentan orgullosas nas mesas da xunta de goberno e outros postos de responsabilidade", demostrando que a igualdade "enriquece".
Entre os seus agradecementos incluíu ás institucións públicas como a Fiscalía, a xudicatura ou as institucións penais e a todas as Forzas de Seguridade, pois considera que "o labor que nos encomendan a cada un de nós alcánzase moito mellor grazas ás sinerxias de todos coordinados" e non quixo pechar o acto sen lembrar a toda a cidadanía que "temos abertas as portas da Comisaría as 24 horas os sete días da semana".
A subdelegada, pola súa banda, destacou a necesidade do labor de información e formación cara á cidadanía para que o manexo diario das novas tecnoloxías conte co bo asesoramento dos corpos e forzas de seguridade e pediu a "implicación absoluta" da Policía Nacional para perseguir os delitos de violencia de xénero de forma "incansable". Considera que a situación obrigan a todos a "ser eficientes" para que as posibles vítimas atopen o amparo institucional e de seguridade para denunciar ou poñer en coñecemento as situacións de violencia.
O acto contou coa presenza do coronel da Garda Civil, Simón Venzal; o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro; e o presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez Estébanez, e serviu para entregar distincións honoríficas, entre elas, unha Cruz ao Mérito Policial con distintivo vermello, o máximo recoñecemento, ao policía José Ramón Rivera Estévez, pola súa intervención durante unha pelexa multitudinaria en Pontevedra.
Ademais, foron condecorados coa Cruz ao Merito Policial con distintivo branco varios policías e gardas civís da provincia e recibiron recoñecementos particulares como a médico forense Ángeles Romero Tirado; o director da ONCE, Eloy Hermelo; Ángel Manuel Portela Martínez, de Unión Fenosa Distribución; o propietario de Cash Converters en Pontevedra, Manuel Silva Suárez; e un cidadán anónimo, Miguel Logroño Vázquez, ao que recoñeceron como "cidadán exemplar". Tamén recibiu homenaxe o policía xubilado Ernesto Mosquera Somoza.
A Policía Nacional recoñeceu este mércores ao pontevedrés Miguel Logroño Vázquez como un "cidadán exemplar" pola súa actuación hai uns meses na Alameda de Pontevedra ao auxiliar á vítima dun roubo con intimidación, perseguir ao autor e retelo ata a chegada dos policías.
O propio homenaxeado relatou, en declaracións aos medios, o ocorrido: "Un mozo botouse sobre unha moza, colleulle o móbil por detrás e ela pediu auxilio". Eran as once da noite e el non dubidou en ir tras o ladrón "ata que me botei encima e chamei á Policía".
Mantivo ao ladrón retido "un intre" e, durante ese tempo, non deixaba de pedir que o deixasen ir e non chamasen á Policía. "Dicía que como o valor eran máis de 1.000 euros, ían meter no cárcere, pero non podiamos soltalo", sostén este cidadán. Grazas á súa intervención, arrestárono.
Segundo relatou, xa desde o principio sospeitou da súa actitude, pero actuou cando viu que "ía cada vez máis preto" mentres ela falaba por teléfono e, de súpeto, colleulle o móbil e botou a correr. "Eu botei a correr, como fago un pouco de deporte, collino", indicou. Nese momento o único que se lle pasaba pola cabeza era "tentar axudar un pouco á moza" e asegura que non pasou medo.
Relacionadas:
-
A pandemia e a ciberdelincuencia centran a volta á (case) normalidade da Policía Nacional no seu patrón
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A ciberdelincuencia non para de crecer e é xa o delito máis numeroso en toda a provincia
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Incrementa o número de denuncias por violencia machista na provincia
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |