A sede electrónica municipal supera os 18.000 documentos tramitados ao mes
Por Alejandro Espiño
A sede electrónica do Concello segue crecendo. Cada vez son máis os cidadáns e empresas que realizan un maior número de trámites a través de Internet e, por iso, o uso desta ferramenta dixital creceu exponencialmente desde o seu arranque, alá por febreiro de 2015.
Catro anos e medio despois, os pontevedreses realizaron 15.332 trámites a través desta sede electrónica. Son os datos correspondentes a agosto de 2019, desvelados polo goberno municipal, que destaca que en abril se superaron os 20.000. No seu primeiro mes de actividade, en comparación, só se asinaron 51 documentos. A media dos oito primeiros meses de 2019 supera amplamente os 18.000 documentos asinados cada mes.
Nos dous últimos anos, entre o 1 agosto de 2017 e o 1 de setembro de 2019, a sede electrónica municipal recibiu 1.727.582 visitas.
Nela, pódense realizar pagos de impostos e taxas, presentar documentos ante os servizos municipais ou obter o volante do padrón, entre outros trámites. Ademais, pódense consultar a tramitación de expedientes, revisar proxectos públicos ou acceder a ofertas de emprego e contratos públicos.
Ata a data, realizáronse 81.901 trámites a través desta sede electrónica, dos cales 6.672 foron por parte dunha persoa física e 22.240 dunha persoa xurídica. O resto, 52.989 documentos, foron facturas electrónicas.
Os trámites máis frecuentes foron domiciliacións bancarias (17.465), declaracións de plusvalía (11.533), cambios de domicilio (7.073), comunicacións previas de urbanismo (5.508), solicitude de beneficios fiscais (4.847) ou requirimentos urbanísticos (3.404), doutros servizos municipais (3.234) ou dos órganos tributarios (2.383).
Como era esperable, o maior número de usuarios visita esta sede electrónica desde Pontevedra, un 32,53%. Seguen á Boa Vila na clasificación as visitas que chegan de Vigo, Madrid ou A Coruña. Pola súa banda, tras España, lideran a lista de consultas os visitantes de Estados Unidos, Francia, Reino Unido, Alemaña e Portugal.