A información municipal, xa dispoñible na nova app do Concello de Pontevedra
Por Natalia Puga
Toda a información relativa aos servizos municipais ofrecidos polo Concello de Pontevedra, as novidades dos distintos departamentos, a última hora da auga e o lixo, a inscrición nas distintas actividades organizadas pola administración local e a axenda cultural e deportiva. Todo iso e moito máis está xa dispoñible na nova aplicación para móbiles Pontevédrate, que este venres se presentou oficialmente.
A app, cuxa existencia xa se adiantara hai días, pódese descargar xa para os dispositivos Android e durante a fin de semana ou, a moito tardar, a principios da vindeira semana estará xa dispoñible tamén para teléfonos de sistema iOS.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña e o xerente da empresa TokApp, encargada de desenvolver a nova ferramenta, Edelmiro Justo, presentaron este venres a aplicación, coa que se busca que os cidadáns de Pontevedra teñan "as novas do Concello, na palma da man".
Esta nova aplicación, na que levan xa tempo traballando, busca afondar no proceso de modernización da administración local que xa deu un salto cualitativo coa sede electrónica e agora permitirá un contacto máis inmediato da cidadanía co que pasa no seu Concello.
A app será de descarga gratuíta, terá o logo PO e permitirá á sociedade pontevedresa subscribirse á información que desexen recibir no seu dispositivo, filtrada por distintas temáticas: cultura e festas, deporte, educación, igualdade, infraestruturas e mobilidade, normalización lingüística, obras, patrimonio e memoria histórica, ILES e xuventude.
Contará tamén con información práctica dos servizos municipais, un acceso directo á web municipal a opción de inscribirse desde ela directamente ás distintas actividades municipais. Ademais, terá un servizo de chat e permitirá ao usuario xuntar nunha soa app os servizos que xa xestiona TokApp en distintos centros de ensino -entre eles, a escola oficial de idiomas-, clubs de fútbol ou asociacións.
Segundo explicou Edelmiro Justo, levan colaborando co Concello de Pontevedra xa moito tempo e participaron na misión empresarial a México organizada no ano 2017, da que sacaron importantes contactos que lle permitirán que a próxima semana subscriban contratos con catro municipalidades do país azteca.
TokApp non naceu en Pontevedra cidade, pero o seu xerente si é pontevedrés e moitos dos seus empregados. Na actualidade está presente en dez países e máis de 45 cidades e desde a súa constitución en 2013 non parou de duplicar beneficios ano tras ano ata ter sedes xa en Colombia, República Dominicana, Chile, a partir das próximas semanas, agardan que tamén en México.
Relacionadas:
-
Concello e Deputación intercambiarán experiencias para impulsar a administración electrónica
Por Redacción |
-
A sede electrónica municipal supera os 18.000 documentos tramitados ao mes
Por Alejandro Espiño |
-
A sede electrónica do Concello de Pontevedra aproba a declaración de accesibilidade
Por Redacción |
-
Pontevedra ultima unha 'app' que ofrecerá información municipal e avisará de incidencias
Por Alejandro Espiño |