Cuntis abre a convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro
Por Redacción
O Concello de Cuntis abre este luns a convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades neste ano 2019. A concesión é en réxime de concorrencia competitiva.
Ademais de estar legalmente constituídas, as asociacións participantes deberán desenvolver as súas actividades no termo municipal de Cuntis e estar inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello.
Serán subvencionables actividades como: concertos, festivais de música e baile, teatro, xornadas divulgativas, charlas, presentacións de libros, encontros temáticos, festas populares e verbenas, intercambios culturais, deportivas, escolas e talleres, entre outras.
Quedan excluídos da presente convocatoria aquelas actividades subvencionadas, no mesmo exercicio, a través doutras convocatorias de axudas do Concello de Cuntis.
Tampouco o serán todas aquelas actividades destinadas ao culto e exaltación de santos e outros elementos de categoría relixiosa, tal e como se recolle na moción aprobada polo Pleno do Concello en xaneiro de 2017. Pero si aquelas actividades lúdico-festivas que se celebren ao redor de romarías e tradicións locais de arraigada celebración.
As subvencións obxecto desta convocatoria efectuaranse con cargo ás partidas orzamentarias do ano 2019 sen que poidan exceder no seu conxunto de 6.000 euros.