Vilagarcía empápase de festa
Por Oskar Viéitez
Ninguén se puido librar este venres en Vilagarcía dunha boa molladura. Pero nesta ocasión non foi por outro día chuvioso neste atípico mes de agosto senón por unha cita considerada de Interese Nacional, a Festa da auga.
Vilagarcía de Arousa mergúllase na súa tradicional celebración cun poder de convocatoria multitudinario.
Refuxiado o patrón San Roque na súa capela e tras o pregón desde unha estada do cómico coruñés David Perdomo estalou unha divertida guerra na zona húmida á que os seus combatentes acudiron armados con cubos, pistolas de auga ou mangueiras.
Vilagarcía rende culto este venres ao líquido elemento cunha festa que naceu de casualidade hai 35 anos e que a iniciativa popular converteu nunha data ineludible no calendario festivo das Rías Baixas.
Durante a noite do xoves, celebrouse na zona TIR o Festival H2O tras dúas edicións nas que, por motivos de seguridade, non se puido celebrar.
Nesta ocasión, segundo informa o Concello de Vilagarcía, as incidencias limítanse á perda de carteiras e teléfonos, algunhas queixas por ruídos e un par de liortas que non precisaron dilixencias, son algúns dos casos atendidos. Tamén houbo que atender a unha moza bébeda, que foi trasladada ao Hospital do Salnés.