Vibracións inclusivas no concerto de Rozalén
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O concerto de Rozalén programado para as 22.30 horas da noite deste martes na praza de España dentro da oferta musical das Festas dá Peregrina ofrecerá ás persoas con diversidade sensorial unha posibilidade que ata agora tan só ten un antecedente en Galicia: poder sentir a música a través dunhas mochilas vibratorias especiais para persoas xordas.
A música de Rozalén xa se caracteriza habitualmente polo seu carácter inclusivo e en todas as súas actuacións acompáñaa unha intérprete de lingua de signos para mellorar a experiencia ás persoas xordas. Nesta ocasión, a inclusión será aínda maior grazas a estas mochilas.
O Concello de Nigrán estreou a pasada semana no concerto Chan de Folk en Chandebrito cinco mochilas vibratorias que transforman o son en vibracións e ofrece ás persoas xordas sentir a música como as que que si teñen o sentido do oído intacto. Unha das persoas que tivo a oportunidade de gozar desa experiencia nunca antes vivida en Galicia quixo que se puidese reproducir en Pontevedra.
A xestión desa persoa, que se puxo en contacto cos responsables do proxecto Nigrán para todos, posibilitou unha toma de contacto entre o alcalde de Nigrán, Juan González, e a concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Paloma Castro, e, en cuestión de horas, materializouse nunha colaboración que fará posible que Rozalén sexa aínda máis inclusiva.
O alcalde de Nigrán acudiu este martes persoalmente ao Concello de Pontevedra para levar as cinco mochilas e prestarllas para o seu uso neste concerto e destacou que adquiriron este recurso porque se deron conta de que "hai moitísimas accesibiliades diferentes e unha delas é a das persoas xordas". Souberon que o sistema existía e que se usou en concertos en Madrid e Estremadura, pero que ata agora ningún Concello as adquirira, de modo que decidiron comprar cinco como experiencia piloto. Tras o éxito de Chandebrito, comprarán máis.
A experiencia foi "de pelo de punta", pois permitiu a persoas xordas notar por primeira vez a música. É habitual que as persoas con diversidade sensorial senten no chan ou se coloquen á beira dos altofalantes para poder sentir as vibracións da música, pero esta experiencia é moito máis completa e positiva, pois son mochilas de uso individual conectadas directamente aos equipos de son.
"Lanza unha vibración, exactamente a mesma que escoita unha persoa non xorda", explicou o alcalde, que engadiu que ofrece unha experiencia de inclusión completa no concerto. "Non escoitas, pero sentes a música, co que participas", resumiu.
O Concello deberá fixar aínda o sistema para o uso destas mochilas. Están en contacto coa Organización de Xordos de Galicia ( Xoga), cuxa presidenta, María Jesús Monterde, acompañou este martes a Paloma Castro e Juan González na presentación das mochilas e explicou que tiñan xa máis candidatos que mochilas. Fixarán unhas normas de uso para que llas vaian turnando e todas as persoas xordas que acudan ao concerto poidan vivir a experiencia.
En función do resultado da experiencia, Paloma Castro xa anunciou que estudarán a posibilidade de adquirir mochilas propias para o Concello de Pontevedra para 2020, pois "queremos que Pontevedra sexa unha cidade inclusiva".
María Jesús Monterde explicou que a vida diaria xa adoita ser moi dura para as persoas con diversidade sensorial, de modo que sempre se agradecen iniciativas como esta que melloren as opcións de tempo de lecer e de ter un descanso dunha vida diaria na que "estás loitando para derrubar barreiras".
Relacionadas:
-
O concerto de Rozalén, máis inclusivo que nunca: "Todo lo que sea derribar barreras me parece de maravilla"
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
O Concello ensinará lingua de signos aos seus empregados
Por Redacción |
-
Rozalén, Beret e Iván Ferreiro actuarán nas Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra celebra o Día da Lingua de Signos
Por Redacción |