'Touradas fóra' volve saír á rúa "nunha das maiores manifestacións das convocadas de forma regular en Pontevedra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O colectivo 'Touradas fóra de Pontevedra' volveu saír á rúa este sábado, como xa é habitual desde fai máis dunha década, para manifestar o seu total rexeitamento á feira taurina que se celebraba á mesma hora na praza de touros de San Roque. A manifestación, que contou co respaldo de 130 colectivos, partidos políticos e entidades, reuniu este ano por centos de persoas, unhas 600 segundo algunhas fontes, un milleiro segundo a organización.
A comunicadora, actriz, poeta e adestradora emocional Baia Fernández foi a encargada de ler o manifesto das organizacións convocantes, no que sacaron peito sobre o feito de que esta protesta é, desde hai anos, "unha das maiores manifestacións das convocadas de forma regular en Pontevedra".
A protesta percorreu varias rúas do centro con saída e chegada na praza da Peregrina e contou co apoio de políticos como as socialistas Paloma Castro e Patricia Vilán ou Marcos Cal e José Ramón Otero, deputado e alcaldable de Podemos en Pontevedra. Tamén acudiron representantes do tecido asociativo como Antón Masa, presidente da APDR.
A plataforma móstrase satisfeita polo apoio a esta manifestación e polo feito de que "a maioría dos galegos" rexeitan as touradas, pero consideran que esta oposición que consideran masiva "non é suficiente" e insiste en que o seu obxectivo non é unicamente convocar manifestacións exitosas, senón que o seu obxectivo é a abolición das touradas.
É un obxectivo do que destacan que "estamos seguros de que cada día está máis próximo", pero para o que destacan que "temos que seguir loitando con firmeza" e farano con dúas frontes principais no seu radar: o fin do convenio que cada ano asina o Concello de Pontevedra cos empresarios taurinos para o uso das instalacións de San Roque e o posicionamento da Xunta de Galicia para promover accións normativas contra estas actividades.
"A lei ten que adaptarse a esta realidade", insisten tras lembrar o rexeitamento da cidadanía ás touradas e que en Pontevedra pódense ver porque, segundo aseguran, a súa feira taurina "vive unha época de decadencia, como os propios taurinos recoñecen". Ao seu xuízo, "a causa é clara: o negocio non rende porque o interese decae".
A de Pontevedra é a última feira taurina organizada de forma regular en Galicia e os antitaurinos insisten en que "nin así conseguen encher a praza de San Roque, nin así conseguen rendibilizar o seu negocio, por iso teñen que reducilas".
Os colectivos convocantes reclaman, tal e como insistiu no seu discurso Baia Fernández, a necesidade de esixir, "con máis forza aínda", que calquera tipo de axuda pública ás touradas sexa eliminada de inmediato. "Non hai escusas, nin axudas directas nin indirectas nin en diferido", solicitan, e defenden que as touradas non se poden "manter artificialmente en base ao diñeiro público, nin por unha decisión política e ideolóxica", nin tampouco pola "presión do lobby dos empresarios taurinos".
Entre os colectivos que secundaron a manifestación estaba a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, que insistiu este sábado, a través dun comunicado, en que a primeira xornada da feira taurina de Pontevedra foi "un desastre evidente", que se constata pola "incapacidade dos promotores de encher o coso a pesar de reducir unha corrida con respecto ao pasado ano".
Galicia, Mellor Sen Touradas tamén dirixe as súas críticas ao Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia, á que acusa de facilitar as corridas coas súas autorizacións, ao reservarse as competencias taurinas en detrimento de os municipios xa que, en caso contrario, están convencidos de que Pontevedra non autorizaría o espectáculo.
Relacionadas:
-
Podemos Galicia esixe á Xunta e ao Concello que deixen de apoiar as touradas
Por Redacción |
-
Touradas fóra de Pontevedra, sobre o 'baixón' taurino: "Sendo a única praza de Galicia, nin con esas conseguen enchela"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os antitouradas ven a feira de Pontevedra en "completo retroceso" e piden "erradicala"
Por Redacción |
-
Centos de persoas reclaman que Pontevedra deixe de ser a capital taurina de Galicia
Por Redacción |