Os antitouradas ven a feira de Pontevedra en "completo retroceso" e piden "erradicala"
Por Redacción
Un ano máis, os colectivos antitouradas volverán saír á rúa para reclamar a abolición destes espectáculos en Galicia. Nesta ocasión, a manifestación organizada por Touradas Fóra de Pontevedra celebrarase o próximo 10 de agosto.
Esta mobilización, que partirá ás oito da tarde da Praza da Peregrina, pretende reivindicar unha Pontevedra contraria a unha actividade que se atopa "en extinción" en Galicia, sendo esta cidade o último feudo taurino.
Para isto, reclaman á Xunta de Galicia, como organismo competente para poder "erradicalas", a modificación da Lei de Protección de Animal, que fai das touradas unha excepción.
Ademais, fan un chamamento a toda a sociedade pontevedresa para mobilizarse nun momento no que as touradas en Pontevedra están "en completo retroceso" cunha feira de apenas dous días e cun público taurino "enfrontado coa dirección dunha praza que non é capaz de encherse sendo a única feira que queda en Galicia".
Touradas Fóra de Pontevedra sinalan, que segundo diversas estatísticas, o 85% dos galegos están en contra destes espectáculos, polo que entenden que é unha actividade "minoritaria e allea a nosa cultura", que non pode sobrevivir "se non é subvencionada con cartos públicos".
A este respecto, o colectivo solicita ao Concello de Pontevedra que dea "máis pasos" que contribúan a "afogar" ao empresariado taurino, xa que o consideran un "aliado" nesta loita pola fin das touradas.
Así, volven solicitar a fin do convenio coa praza de touros polo cal lle entrega máis de 30.000 euros anuais e a non cesión de espazos públicos para a promoción das touradas.
Relacionadas:
-
'Touradas fóra' volve saír á rúa "nunha das maiores manifestacións das convocadas de forma regular en Pontevedra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A comunicadora Baia Fernández lerá o manifesto da marcha antitouradas
Por Manu Otero |
-
Touradas fóra de Pontevedra, sobre o 'baixón' taurino: "Sendo a única praza de Galicia, nin con esas conseguen enchela"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Abren os despachos de billetes da praza de touros, coa novidade do abono novo ata os 24 anos
Por Redacción |
-
Pablo Aguado, a novidade dunha feira taurina en Pontevedra que se desinfla
Por Marisa Ciordia |