Podemos Galicia esixe á Xunta e ao Concello que deixen de apoiar as touradas
Por Redacción
Podemos Galicia esixe á Xunta de Galicia e ao Concello de Pontevedra que deixen de apoiar as touradas, especialmente as que se celebran esta fin de semana en Pontevedra con motivo da feira taurina da Peregrina, e lembra que estas citas contan co rexeitamento maioritario da cidadanía.
O deputado de Podemos e portavoz de Medio Ambiente no Parlamento de Galicia, Marcos Cal, e o secretario de Benestar Animal de Podemos Galicia, Rubén Pérez , sinalan que a retirada de apoio institucional é determinante para ir rematando coa maioría dos eventos taurinos en Galicia, polo que é fundamental acabar con todo tipo de colaboración.
Así, insisten en que o convenio que asina o Concello cos empresarios da praza de touros é un apoio que, ademais de supoñer unha axuda económica para os propietarios, permite a ocupación das vías de Pontevedra con grandes carteis anunciando as touradas.
En relación coa Xunta, lembran que o PP é a única organización política con presenza no Parlamento de Galicia que segue a apoiar "estes espectáculos anacrónicos que nada teñen que ver coa cultura galega" e critican que se negou a garantir que non enviará a representantes nin membros do seu goberno ás touradas desta fin de semana, como vén facendo nos últimos anos.
A demanda de Podemos é que a Xunta se manteña neutral e que ningún membro do Goberno galego asista ás touradas mentres miles de pontevedresas se manifestan pedindo a súa eliminación.
Podemos considera que a mellor mostra do rexeitamento social a este tipo de eventos son as máis de 377.000 sinaturas recabadas pola asociación Galicia mellor sen Touradas. Outra asociación, Touradas fóra de Pontevedra, leva dez anos organizando unha manifestación na cidade á que cada ano asisten máis persoas.
A formación morada anuncia que asistirán á manifestación pervista para as 20 horas deste sábado 10 de agosto na praza da Peregrina.
Relacionadas:
-
'Touradas fóra' volve saír á rúa "nunha das maiores manifestacións das convocadas de forma regular en Pontevedra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Asociacións animalistas piden ao Concello unha consulta popular sobre os touros
Por Redacción |
-
A comunicadora Baia Fernández lerá o manifesto da marcha antitouradas
Por Manu Otero |
-
Touradas fóra de Pontevedra, sobre o 'baixón' taurino: "Sendo a única praza de Galicia, nin con esas conseguen enchela"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |