Abre o primeiro hotel de insectos do Parque Nacional Illas Atlánticas
Por Oskar Viéitez
O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia xa conta co seu primeiro hotel de insectos, unha iniciativa novidosa de sensibilización ambiental que pretende facilitar un habitáculo e lugar de cría e hibernación para este tipo de organismos.
O hotel foi inaugurado oficialmente este martes en Sálvora pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que a intención é estender este proxecto ao resto do parque, de tal forma que cada arquipélago poida contar a medio prazo cunha instalación deste tipo.
A iniciativa, como explicou a responsable autonómica de Medio Ambiente, foi promovida polo Parque Nacional das Illas Atlánticas en colaboración coa asociación Amicos, unha entidade de referencia na comarca do Barbanza polo seu traballo a prol da integración das persoas con discapacidade e que foi a encargada de construír catro hoteis de insectos.
En canto ás estruturas, están feitas a partir de materiais naturais propios da illa (como piñas ou restos de madeira), ladrillos perforados, así como refugallos e anacos de antigas tellas que os voluntarios de Amicos reciclaron para darlles unha nova utilidade.
A instalación deste tipo de hotel servirá para darlle acubillo aos insectos presentes en Sálvora, como as abellas silvestres, as avespas escavadoras, as tixeretas e outros insectos raros e vulnerables propios desta illa, que terán deste xeito un lugar adaptado para preservar a súa existencia e a dos seus ecosistemas.
Pero ademais estes habitáculos tamén cumprirán un importante labor de educación ambiental, xa que como expuxo a conselleira, axudarán a divulgar e dar a coñecer a importancia que teñen este tipo de organismos para garantir a conservación da biodiversidade do parque nacional, como pezas claves e esenciais á hora de manter o equilibrio ecolóxico deste espazo.
Para poder acadar este dobre obxectivo, Ángeles Vázquez explicou que estas construcións se localizarán en puntos soleados e protexidos da illa, buscando a calor necesaria para as crías dos insectos pero tamén resgardadas do vento e da chuvia; que estean preto de áreas con plantas silvestres e arbustos para garantirlles un fácil acceso a alimentos; e con boas condicións para favorecer a súa nidificación.
Relacionadas:
-
Instalan no Gafos seis hoteis para bichos
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Criar insectos como alimento... para animais
Por Marisa Ciordia |
-
Dispoñibles máis 3.000 prazas para acceder a Ons nas Festas de San Xaquín
Por Oskar Viéitez |
-
Piden maior seguridade no Burato do Inferno e o peirao de chegada á Illa de Ons
Por Redacción |
-
Ons e Sálvora, unidas por primeira vez nunha ruta marítima
Por Redacción |
-
Galicia, "absolutamente obsesionada" con que as Illas Atlánticas sexan Patrimonio da Humanidade
Por Alejandro Espiño |