A Casa da Luz acollerá unha oficina para resolver dúbidas sobre a liquidación do IBI
Por Redacción
A partir deste luns 8 de xullo a Casa da Luz acollerá unha oficina de atención aos veciños e veciñas cuxas propiedades foron obxecto de revisión catastral durante este ano e o pasado.
O obxectivo desta oficina, informa o Concello de Pontevedra, é resolver dúbidas dos propietarios que están a recibir notificacións para a cobranza do Imposto de Bens Inmobles (IBI) froito daquela revisión do catastro, e tamén para propoñerlles se é o caso a posibilidade de alegar polas revisións feitas.
Esa revisión realizada de oficio pola Dirección Xeral do Catastro centrouse nas construcións auxiliares do rural (galpóns, garaxes, piscinas…), que viron aumentado o seu valor. Así, tras a notificación do Ministerio de Facenda, o Concello deu de alta as modificacións no padrón do IBI e empezáronse a emitir os recibos correspondentes.
A oficina permanecerá aberta ata o próximo 31 de xullo, os luns, mércores e xoves, en horario de 16:00 a 19:00 horas.
As consultas serán de balde para os veciños.