82 veciños alegaron contra o "catastrazo" rural tras pasar pola oficina de atención do Concello
Por Alejandro Espiño
Ata finais de outubro seguirá aberta a oficina que puxo en marcha o Concello de Pontevedra para atender os cidadáns afectados polo "catastrazo" rural, a revisión que Facenda está a facer nas construcións rurais como galpóns, garaxes, piscinas ou cortellos que, ata o de agora, non estaban suxeitas a este réxime.
A decisión municipal débese a que o Catastro está a demorar, máis do previsto, a notificación destes procedementos de regularización catastral.
Dende a súa posta en funcionamento o pasado 17 de xullo, a oficina atendeu a 289 persoas, cunha media de atención diaria de 15 persoas. Ademais, a maior parte das persoas acoden con varias notificacións, polo que o traballo multiplícase. Ata o de agora, esta oficina axudou a presentar 82 alegacións.
O Concello lembra que para que os veciños poidan ser atendidos hai que solicitar cita previa no correo electrónico ibipontevedra@laya.es ou ben chamando ao teléfono 986 23 73 57.
A oficina está no Pazo da Cultura, atende os luns, martes e venres e o horario de apertura é de 08.30 a 14.00 horas, pero só se dá cita ata as 13.00 horas para poder atender as persoas de última hora.
Dende o Concello reiteran aos interesados que, primeiro, soliciten toda a información no Catastro, e se consideran oportuno alegar, entón poden dirixirse a esta oficina municipal para solicitar asesoramento e axudar a presentar as alegacións á liquidación que lles presente Catastro, que cobra unha taxa de 60 euros por cada revisión.
O Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral do Catastro, iniciou esta revisión no rural de Galicia hai cinco anos, a raíz de modificar a lexislación e incluír no padrón todas as construcións auxiliares do rural, agás os hórreos.
Relacionadas:
-
A Casa da Luz acollerá unha oficina para resolver dúbidas sobre a liquidación do IBI
Por Redacción |
-
Abre a oficina para asesorar os veciños do rural contra o "catastrazo"
Por Redacción |
-
O Concello axudará os cidadáns a alegar contra o "catastrazo" dos galpóns
Por Alejandro Espiño |
-
Hórreos, galpóns, cortellos ou palleiras, tamén tributan na "contribución"
Por Redacción |