O Concello axudará os cidadáns a alegar contra o "catastrazo" dos galpóns
Por Alejandro Espiño
Centos de pontevedreses recibiron xa as notificacións do Catastro para revisar as súas propiedades en busca de galiñeiros, cortellos, piscinas, galpóns ou outras construcións rurais que, ata agora, estaban exentos de tributación do IBI. Esa circunstancia cambiou e este "catastrazo" obrigará a moitos cidadáns para "rascar" o peto.
Os afectados terán que pagar unha taxa de 60 euros pola revisión catastral e, a partir dese momento, tributar á facenda municipal por este tipo de construcións.
Ademais, dependendo das circunstancias, o pago pode ter carácter retroactivo e obrigar ao contribuínte para abonar a tributación correspondente a exercicios anteriores.
O goberno municipal entende que esta revisión de oficio que realiza o Catastro "non ten sentido", segundo explicou Raimundo González, e pon en perigo a "estrutura tradicional do rural", onde moitas casas teñen pequenas construcións auxiliares para gardar os apeiros de labranza, leña ou diversa maquinaria agrícola.
Este gravame pode supoñer un aumento medio de "dez ou quince euros" ao ano no IBI para os cidadáns afectados, polo que González, responsable de Facenda no goberno local, entende que repercusión para as arcas municipais é "mínima".
"O único que logramos é cabrear aos cidadáns", sinalou o portavoz municipal, que adiantou que o Concello poñerase a disposición dos cidadáns que reciban o aviso de "catastrazo" para axudarlles a realizar as correspondentes alegacións.
Será a través dunha empresa especializada que será contratada nos próximos días, segundo avanzou Raimundo González, que explicou que os servizos técnicos municipais xa se atopan xestionando esta contratación polas correspondentes canles administrativas.
Relacionadas:
-
Sanxenxo reclama ao Goberno de Sánchez que os galiñeiros para autoconsumo queden exentos do rexistro
Por Redacción |
-
A Casa da Luz acollerá unha oficina para resolver dúbidas sobre a liquidación do IBI
Por Redacción |
-
82 veciños alegaron contra o "catastrazo" rural tras pasar pola oficina de atención do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
O servizo ORAL recadou en tributos máis de 122 millóns de euros no 2017 para 54 concellos da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Abre a oficina para asesorar os veciños do rural contra o "catastrazo"
Por Redacción |
-
A revisión do catastro supuxo para o Pontevedra 2.800.000 euros de ingresos
Por Oskar Viéitez |
-
Hórreos, galpóns, cortellos ou palleiras, tamén tributan na "contribución"
Por Redacción |