A escola de Verducido consigue un novo alumno e resístese a perder unha mestra
Por Redacción
A matrícula dun novo alumno animou á comunidade escolar do colexio de Educación Infantil de Verducido. Esta incorporación reabre as súas esperanzas de recuperar a terceira mestra que Educación quere retirar e, con ela, manter a súa segunda unidade de infantil.
A comunidade escolar pide a Educación que reconsidere a marcha da mestra de infantil e devolva esta unidade á escola, sobre todo tendo en conta a posibilidade de que en setembro siga aumentando a matrícula. Consideran que a retirada desta praza fixa é unha medida "estrutural" que lles parece "desproporcionada".
Lembran que o Consello Escolar do Estado indica que non se debe suprimir ningunha aula de escolas rurais que teña un mínimo de 8 alumnos. Nas condicións actuais, en Verducido existen 18 matrículas de infantil, é dicir, máis que suficiente para manter dúas aulas.
A súa vez indican que a ratio media das escolas públicas galegas é de 9.8 alumnos por cada docente (dato do curso 2015-2016), ratio que se superaría na escola de Verducido no caso de ter tres mestras.
Na escola de Verducido están confiados en que dende a Xunta teñan en conta que na situación actual, xa que no caso de que algunha docente teña que ausentarse, quedaría unha soa profesora para 32 nenos de 3 a 8 anos, algo "inasumible e inquietante" para as familias.
De xeito habitual, recorda a comunidade educativa, as dúas mestras, ademais da súa labor docente deben encargarse doutras tarefas organizativas e administrativas, como a dirección do centro, a xefatura de estudos, a atención á diversidade, a conserxería, a administración ou o consello escolar.
No caso de non ter unha resposta positiva por parte da Xunta, Verducido manterá as súas mobilizacións e preparará unha marcha polo ensino no rural e en defensa da escola pública.
Relacionadas:
-
Lores e Tino Fernández animan ás familias a escolarizar aos nenos en colexios do rural
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A escola infantil de Arcos de Furcos abocada ao peche pola súa baixa matrícula
Por Redacción |
-
As familias do colexio de Verducido denuncian o peche dunha aula, que Educación xustifica pola baixa matrícula
Por Natalia Puga | Creada e actualizada