Mil nomes contra as violencias machistas: "O silencio é un luxo que non nos podemos permitir"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Necesitamos que nos dean voz, que nos poñan cara, que nos visibilicen, que nos chamen polos nosos nomes, que nos recorden".
A reivindicación realizouna este luns a escritora Ledicia Costas mentres soaban, de fondo, os nomes das 1.000 mulleres asasinadas dende que no ano 2003 empezaron a contabilizarse estatísticas por violencia machista en España. Xusto despois, despregaríanse na fachada do Pazo Provincial de Pontevedra dúas lonas cos nomes de todas esas vítimas.
Todo sucedeu este luns no Paseo de Montero Ríos de Pontevedra, na entrada principal da sede do Pazo Provincial, como parte dunha homenaxe da Deputación Provincial a todas estas mulleres, un acto bautizado '1000 nomes contra o machismo' que contou coa presenza de deputados, concelleiros, alcaldes, senadores e cargos do PSOE de toda a provincia.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a escritora Ledicia Costas, presidiron a concentración, á que tamén acudiron a alcaldesa de Cambados; os alcaldes de Ponte Caldelas, Vilaboa, Pazos de Borbén, A Illa de Arousa e Cuntis; e edís socialistas de Pontevedra, Vigo, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Moraña, Poio, Forcarei, Barro, Caldas e Cangas, así como o persoal da institución provincial.
Ledicia Costas, condutora do acto, reivindicou que detrás da "cifra da vergoña" de mil mulleres vítimas hai mil nomes, mil mulleres con nomes e apelidos e que son necesarios actos coma este para combater de xeito activo o esquecemento, acabar co silencio e, ao mesmo tempo, denunciar o "machismo asasino".
O discurso tamén reivindicou o apoio completo dos gobernos e denunciou que "por desgraza" es ignoran cantas mulleres foron asasinadas polas súas parellas antes do ano 2003. "No fondo descoñecemos a auténtica dimensión desta atrocidade", indicou, ao tempo que pediu que "o silencio é un luxo que non nos podemos permitir".
Ledicia Costas, que rematou o acto recitando un poema creado expresamente para lembrar as vítimas, denunciou o "lamentable" espectáculo daqueles partidos que negan a existencia da violencia machista
Carmela Silva quixo deixar todo o protagonismo do acto aos nomes que se escoitaron por megafonía, os de mil mulleres asasinadas polo simple feito de ser mulleres, "para que non se silencien, para que non queden no esquecemento, para que non pareza que isto é algo pasaxeiro".
Eses nomes, demandou, deben estar sempre aí, na memoria, falando "alto e claro" contra as violencias machistas e contra un sistema machista.
Relacionadas:
-
A Deputación e a Garda Civil, premiadas polo seu compromiso fronte á violencia machista
Por Redacción |
-
Carmela Silva expresa a súa "indignación profundísima" pola denominación de "violencia intrafamiliar"
Por Oskar Viéitez |
-
Dúas pancartas recordarán na Deputación os nomes das mil mulleres asasinadas polo machismo
Por Redacción |
-
Unha pancarta no Pazo Provincial anima a secundar a folga feminista do 8M
Por Almu Dapena |