Xabier Fortes, premio Luis Tilve "por dignificar a profesión de xornalista"
Por Redacción
"Por dignificar a profesión de xornalista ao servizo da información veraz, plural, independente e para os cidadáns, tendo sempre en conta que a radiotelevisión pública cumpre cunha función esencial e débese aos cidadáns, e por tratar de ofrecer na súa dilatada traxectoria a mellor información contrastada, responsable e exhaustiva".
Esta é a argumentación que da o xurado do premio anual da Fundación Luis Tilve para conceder ao xornalista pontevedrés Xabier Fortes o seu galardón 2012 na categoría de Traballo Digno.
A Fundación Luis Tilve, creada en 1989 baixo el impulso de UGT Galicia, engade que "con este premio recoñécese a calidade, o rigor e a independencia dun profesional que cre nos medios públicos como espazo aberto ás preocupacións sociais dos cidadáns".
Nado en Pontevedra en 1966, a súa traxectoria profesional comezou na delegación de Vigo de Radio Nacional de España e dende 1990 está vencellada a Televisión Española, primeiro na delegación de Pontevedra e mais tarde en Santiago. Foi director do Centro Territorial de Televisión Española en Galicia e director e presentador de La noche en 24 horas.
Dende setembro está incorporado de novo á televisión estatal en Galicia e o 1 de outubro exerceu de mestre de cerimonias na presentación oficial de PontevedraViva no edificio Sarmiento de Pontevedra. Un acto no que aproveitou, precisamente, para reivindicar a dignidade da profesión xornalística.
O San Narciso de Marín, premio de acción solidaria
O xornalista recibirá o recoñecemento no trascurso dunha gala prevista para o venres 26 de outubro en Vigo na que tamén se outorgará outro premio a un proxecto con selo pontevedrés. Trátase do Proxecto Bubisher, "un autobús biblioteca que percorre os campamentos de refuxiados do Sáhara".
O proxecto corresponde ao colexio San Narciso de Marín e recibe o galardón na categoría de Acción Solidaria, xa que apesares de nacer en Marín ten na actualidade un cento de bibliotecas asociadas por todo Galicia e está sendo executado pola Asociación de Escritores polo Sáhara.