A Feira Histórica do Dezaoito xermola na carballeira de Troáns en Cuntis
Por Redacción
A Feira Histórica do Dezaoito foi tradicionalmente un dos mercados con máis afluencia de público no ámbito do Umia. Dende hai uns anos foi recuperada esta feira coa proposta de ofrecer produtos ecolóxicos e artesanais.
Desta forma, durante este sábado 15 de xuño, centos de persoas achegáronse ata a carballeira de Troáns para comprobar o sabor dos auténticos produtos, sen aditivos. Ao longo do espazo no que se celebra a feira pódense comprar dende diferentes tipos de mel a marmeladas naturais, pasando por chourizos, queixos e filloas elaboradas na propia carballeira. Pero este evento conta tamén coa posibilidade de probar a comida tradicional que ofrrece polbo á feira, churrasco, carne ao caldeiro e o clásico xabaril. Todo amenizado cos sons da Agrupación municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis.
Durante esta cita, os visitantes, tanto nenos coma adultos, gozaron de xogos populares tan divertidos como o da corda, a ra ou os zancos. Tamén se sortearon produtos tradicionais. E o pallaso Peter Punk achegouse pola carballeira para provocar as risas entre os asistentes,
Ao evento asistiu o propio alcalde de Cuntis, Antonio Pena Abal, acompañado pola deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez.
Esta Feira está organizada polo Concello de Cuntis en colaboración coa Comunidade de Montes de Chamadoiro-Cabaleiros e a Pena Agro Xabarín.
Ademais, o Teleclub San Ildefonso de Troáns inaugura este luns 17 a exposición Oficios e traballos nas imaxes do pasado con fotografías de, entre outros, Sarabia, Ferrer, Zagala ou Moureira. Poderá visitarse ata o 7 de xullo