A Fiscalía rebaixa a 2 anos e medio de prisión a petición para un acusado de venda de cocaína en San Antoniño
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Ministerio Fiscal rebaixou de 4 a 2 anos e medio a pena de prisión que solicita para o mozo pontevedrés Alberto R.F. como autor dun delito contra a saúde pública pola venda de pequenas cantidades de droga na cidade.
O representante da Fiscalía entende que están probados, tras a vista oral celebrada na Audiencia de Pontevedra, a venda de 0,079 gramos de cocaína o 29 de decembro de 2016 e a venda de 0,524 gramos da mesma sustancia o 27 de xaneiro de 2017. Vendas valoradas en 17,01 e 43,98 euros, respectivamente.
O acusado negou os feitos ante o tribunal da sección cuarta da Audiencia Provincial. Recoñeceu que era consumidor de cocaína pero negou a venda da sustancia. Na súa declaración final sinalaba que nunca gañara senón que perdera cartos por ser consumidor de droga.
Durante a vista declararon varios policías locais, que admitiron ter visto como o acusado subira a un vehículo o segundo día dos feitos e se producira un intercambio dun billete por un envoltorio. Unha vez que o presunto vendedor baixou do coche, seguiron o vehículo e comprobaron que os ocupantes portaban cocaína e o condutor deu positivo no consumo deste alcaloide.
No xuízo tamén declarou o mozo ao que presuntamente o acusado lle vendera a droga en San Antoniño na primeira xornada. Negou os feitos e sinalou que quedaran para deixarlle 15 euros, pero rexeitou ante a xuíza que se tratara dunha contraprestación pola entrega de cocaína.
O avogado da defensa alegou a ruptura da cadea de custodia da droga da que se incautou a Policía Local e afirmou que non hai probas suficientes de que o acusado tivera vendido a cocaína. Por este motivo, pide a libre absolución.