As supostas vítimas dun secuestro en Vilagarcía non acoden ao xuízo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Este martes iniciouse na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra o xuízo a dous homes que están acusados de disfrazarse de guardia civiles para secuestrar a dúas mulleres. Unha era a empregada de fogar e a outra é a esposa do narco José Ramón Dorgambide, alias "O Panadeiro". Ningunha das dúas acudiu hoxe ao xuízo, segundo explicou o fiscal Augusto Santaló "non se lles conseguiu citar". Estas supostas vítimas tampouco están personadas nesta causa.
O tribunal decidiu continuar o xuízo mañá mércores xa que espera que a policía xudicial consiga localizar a estas mulleres.
A Fiscalía sostén que os dous acusados, asaltaron un chalé do Rial disfrazados de gardas civís. Alí ataron e encañonaron ás dúas mulleres ás que logo trasladaron ata unha nave abandonada en dous Audi que se atopaban no garaxe da vivenda.
Despois de varias horas, segundo o relato do Ministerio Público, as mulleres desvelaron onde gardaban diñeiro e xoias. Tras devolver ás súas vítimas ao chalé, os acusados escaparon nos dous automóbiles, un dos vehículos subtraídos foi recuperado intacto en Rubiáns o outro apareceu nunha pista de Meis queimado "de maneira intencionada", segundo determinou a Garda Civil.
Por estes feitos o fiscal solicita unha condena de 13 anos e 9 meses de prisión para un deles e 12 para o outro, polos delitos de detención ilegal, roubo con intimidación e danos.
Dos tres acusados por este caso, só dous sentaron este martes no banco da Audiencia Provincial, ambos se declararon inocentes.
Así, Manuel S.M. veciño de Salamanca, asegurou que estivo na zona do Salnés "de fiesta" varios meses antes do 20 de novembro do 2013, data na que supostamente se produciron os feitos. Este individuo asegurou que durante a súa estancia en Vilagarcía e Cambados fixo botellón, consumiu cocaína e practicou sexo cunha moza nunha nave abandonada que non dixo non lembrar o seu paradoiro.
Xunto a el no banco sentou o tamén acusado Raúl J. R., veciño de Valladolid, quen tamén explicou ante o tribunal que unicamente visitou a comarca de Arousa nunha ocasión "para celebrar la despedida de soltero de un compañero de trabajo".
Os avogados da defensa pediron a nulidade das mostras de ADN que vinculan aos acusados coa nave abandonada, coas bridas e a cinta americana coas que foron coas mans atadas as mulleres, así como cunha cabicha e un pasamontañas achados no exterior da vivenda asaltada.
Estes letrados consideran que rompeu a cadea de custodia no traslado destes restos biolóxicos e que o ADN se obtivo sen autorización do acusado nin de autoridade algunha, unha tese que rexeita a Fiscalía que insistiu na validez das probas obtidas. Os maxistrados resolverán este asunto na sentenza.
Relacionadas:
-
Absolven o único acusado do secuestro da esposa de "El Panadero" e a súa empregada de fogar
Por Redacción |
-
As vítimas dun secuestro non lembran o sucedido e a Fiscalía retira a acusación contra un dos procesados
Por Oskar Viéitez |
-
Dous homes, a xuízo por secuestrar a dúas mulleres en Vilagarcía finxindo ser gardas civís
Por Redacción |