Ser de Ciencias non está rifado con ser de Letras e quen di Letras, di Artes. Miguel Díaz cursa Sexto de Medicina e a súa primeira experiencia na dirección e montaxe audiovisual resultou viral. Paula Sobral pertence á mesma Promoción e evidencia que teñen sobradas calidades musicais nos vídeos que compuxo e interpretou para a Gala dos Oscar de Medicina que celebran os alumnos da Facultade compostelá.Almudena Dapena, a terceira moza pontevedresa nesta mesa das Conversas na Ferrería, tivo o olfacto xornalístico para que transcendesen as miles de visitas en YouTube do traballo, "que en ton humorístico e non crítico", fixeran estes estudantes.
Os vídeos fóronse planificando durante o presente curso para exhibirse nesa Gala dos Oscar que tivo lugar o 27 de marzo e que desde fai máis dunha década celebran os alumnos que conclúen os seus estudos en Medicina. Son audiovisuais que sempre se abordan con enormes doses de humor e ironía, insisten. Este ano baseáronse no tema 'Malamente' de Rosalía e que titularon 'Residente' no 'Sin pijama' de Beckie G, co mesmo título; no 'Amante bandido' de Miguel Bosé que pasou a ser 'Vaso ocluído'; o 'Ya no quiero ná' de Lola Indigo que reconverteron en 'No te vas a parar' o 'Torero' de Chayanne convertérono en 'Cirujano' o 'Butter fly' de Digimon por 'Comisión' e atención á reinterpretación que tamén fai Paula Sobral do 'Bohemian rhapsody' de Queen.
A súa vea facultativa segue desenvolvéndose - a partir de xuño fóra xa das aulas da Facultade - e á vea artística audiovisual que desenvolveron estes meses terán que pasarlle consulta porque ten algo viral.