As obras do novo local multiusos de Cerdedo xa están en marcha
Por Redacción
Cerdedo-Cotobade acaba de iniciar as obras de construción dun novo local social multiusos en Cerdedo para contar cun lugar axeitado para o desenvolvemento de certas actividades, especialmente da terceira idade, ante a elevada demanda existente na localidade.
Este edificio estase levantando na planta superior do almacén municipal, que estaba en formigón e se empregaba para gardar materiais do Concello.
O proxecto foi adxudicado en concurso público á empresa Degalle Construcciones por un importe de 131.000 euros, o que supón unha baixa de 34.000 sobre o orzamento previsto.
A firma, que emprega a seis traballadores a tempo completo durante as obras, ofreceu unha garantía de tres anos.
O novo local contará cunha superficie de 290 metros cadrados que elevarán o total do inmoble ata os 585 metros contando co almacén municipal do semisoto.
Este recinto multiusos concíbese como un espazo diáfano de grandes dimensións que permitirá acoller cursos de formación e moitas das actividades que se organizan ao longo do ano, con especial preferencia para o colectivo da terceira idade. As súas características tamén permiten que sexa ideal para a celebración de reunións.
Conta cunha situación estratéxica e moi céntrica dentro do núcleo cerdedense, xa que está localizado entre o CEIP San Xoán Bautista e o pavillón municipal e moi próximo ao cuartel da Garda Civil, a residencia da terceira idade e a escola infantil.