Proxectan un novo local social multiusos no andar superior do almacén municipal de Cerdedo
Por Redacción
En febreiro comezará a construírse un novo local social multiusos en Cerdedo, segundo anunciaba Jorge Cubela, presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, este sábado 26.
Este espazo pretende cubrir as demandas realizadas sobre todo por persoas de idade avanzada. Desta forma vai levantar un piso superior no almacén municipal, que se utiliza para gardar materiais do Concello.
O proxecto xa finalizou a tramitación administrativa e de licitación. Foi adxudicado á empresa Degalle Construcións para a súa execución por un importe de 131.000 euros, cunha baixada de 34.000 euros sobre o orzamento previsto inicialmente.
Está previsto que seis traballadores se dediquen a tempo completo á construción deste espazo que terá unha finalidade social, cunha superficie de 290 metros cadrados. Terá grandes dimensións para permitir que se impartan cursos de formación e diversas actividades, destinadas principalmente á terceira idade.
O recinto atópase moi preto do CEIP San Xoán Bautista, do pavillón municipal e do cuartel da Garda Civil, da residencia de maiores e da gardería.