Enfermería e Cantería piden a voz no pleno provincial
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra celebrou este luns o pleno correspondente ao pasado mes de febreiro no que pediron quenda de palabra representantes do sindicato de enfermería SATSE e do alumnado da Escola de Cantería.
A secretaria xeral do sindicato SATSE de Galicia, Carmen García Rivas pediu o apoio da corporación á Iniciativa Lexislativa Popular "La sanidad que merecemos. Ley de Ratios". O goberno provincial da Deputación de Pontevedra comprometeuse a trasladar ao Congreso dos Deputados a súa demanda de "mellores ratios de profesionais da enfermería para garantir a seguridade dos e das pacientes en centros sanitarios e outros ámbitos".
Tamén solicitaron o apoio unánime de todos os grupos políticos os representantes do alumnado da Escola de Cantería que demandan a homologación dos títulos de canteiro e de mestre canteiro cos graos medio e grao superior de formación provisional.
"Merece integrarse no sistema educativo galego pola porta grande", dixo a deputada Montse Magallanes. "Agora queda que nos poñamos a traballar entre as administracións", engadiu a deputada Eva Vilaverde.
DIMISIÓN
Non todo foi concordia nesta sesión plenaria. A portavoz do Partido Popular, Elena Muñoz expuxo unha cuestión de orde para que a presidenta explicase o "veto" imposto a unha moción do seu grupo na que se esixían responsabilidades políticas pola condena vinculada ao caso de contratación irregular dunha cuñada da presidenta no Concello de Vigo.
Carmela Silva respondeu que un informe técnico apunta que a súa moción "incumpre a lexislación e o ordenamento xurídico vixente" e lembrou que tamén "hai concellos onde tampouco se admitiu a trámite" ao que os deputados do PP responderon levantando uns carteis nos que se pedía a dimisión da presidenta. "Podería pedirlles que retirasen os carteis pero non o vou a facer porque hoxe son unha comparsa de Entroido", contestou a presidenta.
Relacionadas:
-
Visto bo ás obras que permitirán iniciar os trámites para que a Escola de Cantería poida ter titulacións oficiais
Por Redacción |
-
O PP vota en contra da homologación do título de canteiría da escola de Poio
Por Redacción |
-
Os populares aseguran que a Deputación "anuncia obras que non existen"
Por Oskar Viéitez |
-
O sindicato SATSE traslada ás institucións a necesidade de máis persoal de enfermería
Por Redacción |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Por unha 'estornela' dos 'arxinas' homologada
Por Marisa Ciordia |
-
A Escola de Cantería de Poio morre por falta de homologación: 11 alumnos e un millón de euros de gastos anuais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |