Os populares aseguran que a Deputación "anuncia obras que non existen"
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular acusou ao goberno da Deputación de Pontevedra (PSOE-BNG) de inserir publicidade na prensa "anunciando obras que non existen ou que non se van a facer".
Nunha comparecencia ante os medios, rodeado das insercións publicitarias que consideran "unha campaña de márketing falsa", o portavoz do PP provincial Ángel Moldes sinalou que esta propaganda é "un intento desesperado de tratar de xustificar un mandato que non está a ser produtivo para os veciños da provincia".
Neste sentido os populares criticaron o baixo nivel de execución do orzamento do ano 2018.
Segundo o portavoz do PP nun informe de Intervención sostense que "o grao de execución segue sendo baixo baixo", o que, ao seu xuízo, demostra que "con datos obxectivos son o peor goberno que tivo a Deputación".
Ángel Moldes criticou que esta actuación supón unha "falta de respecto cara aos concellos, alcaldes e veciños" por parte do goberno bipartito porque "as obras que queren facer pasar como propias da Deputación son decisión das corporacións locais" que foron "as que decidiron en que ían gastar os cartos". "Como moito poden dicir que a Deputación colabora, pero con cartos que lle pertencen aos concellos", engadiu.
"Nesa obsesión de tentar dicir que fixemos algo están a caer en erros moi grandes", declarou Moldes.
Finalmente o PP reclamou á presidenta da Deputación e ao vicepresidente "que pidan desculpas aos veciños".