A Escola de Cantería de Poio morre por falta de homologación: 11 alumnos e un millón de euros de gastos anuais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
É a mellor escola de cantería de pedra do mundo, así vendeuse desde a súa construción na Caeira no 2000 pola Deputación Provincial. Na súa creación investíronse 3 millóns de euros e, cada ano, destínase un millón para gastos de persoal e mantemento das instalacións.
O centro chegou a contar con 100 estudantes repartidos nos cinco cursos de formación. Pero actualmente só 11 estudantes están a formarse na Escola de Cantería de Poio. Hai máis profesorado e persoal administrativo que alumnado.
Por que sucede esta situación? Porque o título que se concede non está homologado e non sirve practicamente para nada: carece de valor na oficina de emprego, para presentarse a oposicións ou para ser convalidado noutros países. A formación que se ofrece é de 4.600 horas lectivas, moi superior á doutros centros, que con tan só 2.000 horas xa ofrecen un título homologado.
Esta situación é denunciada pola asociación Canteiros de Poio, na que se atopan ao redor dun cento de persoas, entre ex alumnos, alumnos actuais do centro da Caeira e varios profesores. A asociación lanza unha alerta: "a Escola de Cantería de Poio está morrendo".
Manuel Sestelo, Javier Diéguez e Sandra Carballa, ex alumnos da Escola de Cantería de Poio e integrantes da asociación, anunciaban este mércores que iniciarán un calendario de accións de protesta co obxectivo de que se acade esta histórica demanda para a escola cunha homologación oficial do título, equiparándoo a un grao medio ou superior de formación profesional, como xa sucede co resto de escolas similares noutros puntos tanto de Galicia como no resto da península.
Estes ex alumnos tamén piden que se procure unha fórmula para que se homologue o título de canteiros a antigos estudantes que pasaran polo centro, por exemplo a través dunha proba. "Non hai impedimento legal, só mental", sinala Sandra Carballa reclamando ás administracións unha solución.
Neste sentido, aseguran que os distintos gobernos que pasaron pola Deputación Provincial mostran "desidia" para afrontar este problema. Denuncian que con gobernos do PP se trataba á Escola de Cantería como un "chiringuito" co que se realizaba competencia desleal a empresas do sector para levar a cabo proxectos no seu beneficio político. Tampouco mellorou a situación co goberno bipartito do PSOE e o BNG actual, xa que o que lles ofrecen é a posibilidade de concederlles un certificado, que segue carecendo de valor no mercado laboral tanto nacional como internacional.
O vindeiro 13 de decembro, con motivo da celebración de Santa Lucía, patroa dos canteiros, van concentrarse para reivindicar a homologación ás 09.00 horas ante as portas da Deputación, organismo do que depende a escola. Ás 11.00 horas realizarán outra concentración ante o centro na Caeira. Fan un chamamento á participación de alumnado e ex alumnos do centro, así como a todas aquelas persoas que queiran apoiar a súa causa.
Tamén, a través do grupo municipal do BNG, presentarán unha moción no Concello de Poio para instar á Deputación para que cheguen a un acordo coa Xunta que permita que se homologue o seu título. Agardan que esta moción se aprobe por unanimidade, ao mesmo tempo que agardan a mesma unanimidade no pleno da Deputación. Neste caso, van reunirse con todos os grupos políticos previamente para pedir que defendan esta moción na sesión plenaria.
Ademais, están a recoller sinaturas a través da plataforma Change.org e iniciarán tamén unha campaña de petición de apoios con mesas instaladas en diferentes puntos de Galicia para presentalas ante a Xunta. Entenden que o mantemento desta escola é fundamental para traballar nos monumentos de pedra de toda a comunidade. "Que pena que traian canteiros de fóra para reparar o noso patrimonio", señalan.
Relacionadas:
-
Enfermería e Cantería piden a voz no pleno provincial
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva lamenta ás protestas ante o curso de canteiros impartido no Centro Penitenciario A Lama
Por Olaya Madrigal & Mónica Patxot |
-
RADIO.- Emilio González: un canteiro na restauración da Sagrada Familia de Barcelona
Por Anxo Lourido |
-
440.000 euros para mellorar as instalacións da Escola de Cantería
Por Redacción |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Por unha 'estornela' dos 'arxinas' homologada
Por Marisa Ciordia |
-
A Escola de Canteiros esixe a Educación a homologación dos títulos dos seus alumnos
Por David Arana & Paula Sanmartín |
-
Dous canteiros de Pontevedra xa traballan na restauración do Capitolio de Washington
Por Redacción |
-
Queres formarte na Escola de Canteiros? O prazo de matrícula está aberto
Por Redacción |