Promoven unha Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo
Por Redacción
Usuarios da sanidade pública, persoal, asociacións e partidos políticos poderán unirse á nova Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo que se acordou constituír este domingo durante unha concentración convocada ás portas do centro de saúde de Baltar.
Á reunión acudiron veciños e persoal do centro de saúde e acordouse que á plataforma se poidan sumar todas as persoas e colectivos que o desexen, en igualdade de condicións e coa premisa de que a coordinación sexa levada, a partir deste domingo, por unha persoa que non vaia ir en listas electorais de ningún partido de cara ás próximas eleccións.
As primeiras accións que se consensuaron nesta primeira convocatoria foron a suspensión de concentracións durante os próximos domingos para non interferir nos actos do Entroido, a creación dun grupo de whatsaap no que se irán incorporando todas as persoas que se queiran involucrar na defensa da sanidade pública no concello e facer un chamamento para que acudan ás concentracións que o propio persoal do centro están realizando todos os xoves ás 12.00 horas.
A nova plataforma considera que a sanidade pública é cousa de todas as persoas, polo que, tal como se fai no Parlamento Galego ou nos concellos veciños de Poio e O Grove, deben ser todos os partidos, asociacións e persoal os que a defendan. Este domingo estiveron presentes membros de Somos EnMarea Sanxenxo e a concelleira non adscrita, Coral González-Haba, que levou a moción de defensa de sanidade ao último pleno.
Relacionadas:
-
Autobuses gratuítos desde O Grove para participar na marcha pola sanidade pública do día 14 en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Concentración sen persoal sanitario ás portas do Centro de Saúde de Baltar
Por Oskar Viéitez |
-
Nova concentración de protesta do persoal do centro de saúde de Baltar
Por Redacción |