Concentración sen persoal sanitario ás portas do Centro de Saúde de Baltar
Por Oskar Viéitez
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en Sanxenxo celebrou, un xoves máis, unha nova concentración veciñal ás portas do Centro de Saúde de Baltar para apoiar o parón que se está a levar a cabo todas as semanas.
O lema escollido para a mobilización desta semana foi "Por unha atención primaria digna. 10 minutos por paciente. Que menos?", que reivindica "a necesidade de medios e persoal que a Sanidade Pública sufre nestes momentos".
Sen embargo, segundo informaron os convocantes, esta xornada foi "atípica" xa que nesta ocasión o persoal sanitario non estivo presente debido á ausencia de dous médicos que saíron para atender urxencias, unha circunstancia que "levou a unha situación de aínda máis saturación da habitual".
"Moitos pacientes para pouco persoal", destaca a Plataforma. "O de sempre pero aínda con maior gravidade, posto que hai unha enfermeira de baixa desde hai un mes e non enviaron substitución", afirmaron.
A Plataforma reclama "urxentemente" a reposición e aumento de persoal para poder atender adecuadamente aos pacientes.
Relacionadas:
-
Denuncian longas colas no PAC de Baltar e advirten de que o verán de 2021 "pode ser con moito o peor das últimas décadas"
Por Redacción |
-
Nova concentración de protesta do persoal do centro de saúde de Baltar
Por Redacción |
-
Promoven unha Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Os "raios X" volven a Baltar
Por Redacción |