Pontevedra súmase ao proxecto Deportermal
Por Redacción
O Concello de Pontevedra acaba de decidir que este ano se suma ao proxecto Depotermal que convoca a Deputación Provincial para favorecer a asistencia a balnearios das persoas maiores da provincia. Trátase dun proxecto global para todo o territorio ao que se poden sumar os concellos e así o fixo este ano o da capital.
Este plan ten por finalidade fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, por medio de movementos de participación e cooperación social que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade.
Depotermal 2019 oferta un programa de asistencia diaria con 1.248 prazas e un programa termal con pernoita para 3.186 personas, segundo recordou o portavoz do Goberno local, Raimundo González, tras dar conta desta decisión adoptada na Xunta de Goberno deste luns.
Poderán beneficiarse do plan termal as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que non padezan ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade e que cumpran requisitos tales como ter nacido antes do 1 de xaneiro de 1969 ou, en caso de ser nacido o 1 de xaneiro de 1969 ou nunha data posterior, ter a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións. Tamén vai destinado a persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % ou que precisen dun respiro familiar.
Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou someter a exposición pública o Plan de actuación por risco de rotura da presa de Eiras no que afecta á parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio para elevalo a definitivo. Este plan pretende evitar, na medida do posible, a rotura da presa e minimizar as consecuencias sobre as poboacións situadas augas abaixo.
Neste plan inclúense como lugares afectados dentro da parroquia de Ponte Sampaio: Souto, Rabaleira, A Ponte ou O Vao; ademais de lugares de especial vulnerabilidade como o CEIP de Ponte Sampaio, o consultorio médico, o mercado, a biblioteca, a Illa de Medal, as pontes, o campo de fútbol ou o campo da festa.