Que pasaría en Ponte Sampaio se rompe o encoro de Eiras?
Por Alejandro Espiño
Ponte Sampaio sufriría graves inundacións no caso de que rompa o encoro de Eiras, situado no municipio pontevedrés de Fornelos de Montes. Por iso é polo que a Xunta de Galicia, no marco do Plan de Emerxencia de Presas, deseñou un dispositivo de seguridade que se activaría para protexer á poboación se se produce este incidente.
Este plan foi coñecido este luns polo Concello de Pontevedra, que realizou unha serie de achegas para mellorar a coordinación deste dispositivo de emerxencia.
Nesta parroquia de Pontevedra identifícanse como áreas sensibles os lugares de Souto, Rabaleira, A Ponte e O Vao, onde residen unhas 611 persoas.
Ademais, son sitios vulnerables o colexio, o centro de saúde, o mercado, a biblioteca, a Illa de Medal, a ponte medieval, o campo de fútbol e a praia e a súa área recreativa.
Ante un suposto risco inminente de rotura, comezarían a soar as sirenas situadas en cinco puntos ao longo do leito dos ríos Oitavén e Verdugo e tamén se advertiría á poboación a través da radio.
Os servizos de emerxencia recomendan, en casos similares, afastarse das áreas próximas aos ríos que poidan ser susceptibles de asolagarse e, sobre todo, dirixirse a lugares elevados e ao momento de encontro recomendado para cada lugar.
No caso de Ponte Sampaio, habilitaríase a Casa da Cultura.