Piden decretar Ponte Sampaio, a PO-12 e as áreas dos ríos Fontáns e Rons como "zonas inundables"
Por Alejandro Espiño
Augas de Galicia está a revisar as áreas que, en toda a comunidade, teñen un risco elevado de inundación por estar preto de zonas de costa ou canles fluviais significativos. Pero no caso de Pontevedra, segundo os técnicos municipais, non se incluíron varias áreas onde existe un perigo potencial de quedar baixo a auga.
A avaliación preliminar recolle como puntos sensibles o leito dos ríos Lérez e Gafos ou xa, dentro da trama urbana, a zona de Beiramar ou a contorna das rúas Fernando Olmedo, A Seca e José Malvar, por onde atravesa o río Valdecorvos.
O Concello, con todo, remitiu á Xunta de Galicia varios informes onde alertan que non aparecen zonas onde existe un risco significativo de inundación.
Así, a enxeñeira técnica da oficina de Medio Ambiente Natural entende que este documento debe recoller tamén como áreas de especial vixilancia o río Fontáns, en Lérez, xa que na súa desembocadura adóitanse producir desbordamentos frecuentes, provocando danos en camiños e pasarelas de titularidade municipal.
Ademais, tamén solicita a mesma consideración para a unión dos ríos Almofrei e Lérez e, sobre todo, para o tramo final do río Rons, xa que na súa desembocadura forma unha xunqueira de influencia marítima que adoita asolagarse de maneira habitual.
A estes puntos, os responsables da oficina técnica de Arquitectura e Planeamento engaden como zona inundable a PO-12, coñecida como autovía de Marín, que asolagáse por efecto da pleamar e as choivas.
A zona de Ponte Sampaio, por onde discorre o río Verdugo, é a última das áreas do municipio que o Concello pide que se inclúan neste estudo, que busca adoptar medidas para diminuír o risco de inundación e reducir as consecuencias negativas que estas poidan causar.