Haberá máis espazo para os peóns no cruzamento de Fernando Olmedo con Pai Gaite
Por Alejandro Espiño
Ata cinco metros de espazo. É o que o gañarán os peóns sobre os vehículos no cruzamento de Fernando Olmedo con Pai Gaite e Santa Clara, xusto ante a entrada do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Esta obra de reforma urbana enmárcase dentro das melloras ofertadas pola empresa COVSA, adxudicataria dos traballos de remodelación de Cruz Vermella.
Os traballos comezarán unha vez se reformen as beirarrúas de Pai Gaite, unha actuación que se está executando estes días.
Aínda que a intención é priorizar o tránsito peonil neste ámbito da cidade, pola proximidade do CGTD, non se expón unha peonalización coa creación dunha praza pública.
O obxectivo, segundo destacan desde o goberno municipal, é reordenar os tráficos na contorna das instalacións deportivas. Para iso, ampliarase tanto a beirarrúa na entrada do centro como a situada enfronte, na confluencia de Fernando Olmedo con Perfecto Feijóo.
Non se instalará unha plataforma única, aclara o Concello, pero si se creará un gran paso de peóns elevado para facilitar o tránsito a pé.
O cambio non implica modificacións no tráfico e manteranse os dous carrís de Pai Gaite cara Perfecto Feijóo e o ramal de saída cara Fernando Olmedo.