O asfaltado de Padre Gaite completa a reforma da rúa Cruz Vermella
Por Redacción
Aproveitando a xornada festiva deste Mércores de Cinza, os operarios da empresa COVSA completaron as obras de reforma da rúa Cruz Vermella. Foi co asfaltado de Padre Gaite.
Esta actuación obrigou a cortar a rúa entre as oito e media da mañá e as oito da tarde. Só se permitía o acceso aos garaxes, baixo a supervisión dos traballadores.
Con todo, cabe a posibilidade de que para acometer unha serie de remates no cruzamento con Fernando Olmedo, esta zona siga pechada na mañá deste xoves ata o mediodía.
De ser o caso, os residentes e os vehículos que fagan operacións de carga e descarga poderán acceder por Casimiro Gómez.
A reforma de Padre Gaite era unha das dúas melloras incluídas dentro do proxecto de remodelación de Cruz Vermella. A outra era a reordenación da praza da Castaña. Nelas, o Concello investiu case 1.2 millóns de euros.