As praias de Vilagarcía abren ao baño ao remitir a contaminación por bacteria e-coli
Por Redacción
Os niveis de concentración microbiolóxica nas augas das praias da Concha e Compostela, en Vilagarcía de Arousa, descenderon nas últimas horas ata situarse en índices normais, de tal maneira que xa non supoñen un risco para os bañistas e se pode levantar a restricción de baño nos areais decretada ao longo da xornada do xoves.
O Concello de Vilagarcía destaca "la rapidez" coa que a situación das augas de baño dos areais vilagarcianos "volvió a la normalidad" despois do "exagerado repunte" de bacteria 'escherichicia coli' (e-coli) detectado o luns. A concentración superaba os niveis aceptables de contaminación microbiológica no auga de baño.
En base a esta circunstancia, sinala que "recobra máis forza a hipótese de que foi a combinación de dous factores o que incidiu principalmente no episodio puntual": a intensidade das chuvias durante as dúas xornadas anteriores e o vento do sur que arrastra cara o fondo da ría, onde se atopan as praias de Compostela e A Concha. De feito, "coa ausencia de precipitación e ao rolar o vento a nordés, a situación normalizouse".
As analíticas de Sanidade constatan "normalidade" e incluso "un nivel de contaminación bastante baixo"
As analíticas realizadas pola Delegación Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra e remitidas ao Concello constatan que os niveis de concentración de e-coli nas augas das zonas de baño da Compostela "atópanse dentro da normalidade, incluso nun nivel de contaminación bastante baixo".
Engade que a propia notificación de Sanidade recolle que os niveis actuais "son aceptables polo que non supoñen un risco para a saúde dos bañistas". A consellería tamén comunicou ao Concello que segundo a lexislación vixente "pódense retirar os carteis de prohibición do baño ou recomendacións de absterse nesta zona".
Esquerda Unida pide a dimisión da concelleira de Sanidade
O episodio de contaminación nas praias vilagarcianas non fixo esperar reaccións políticas. Esquerda Unida-Izquierda Unida denuncia a "extrema gravidade que supón o feito de que a contaminación obrigue a pechar ao baño as praias" e esixe ao goberno local "que lles remita inmediatamente copias de todas as analíticas levadas a cabo no verán, garantindo documentalmente que as augas foron aptas para o baño todos os días".
O voceiro de EU, Juan Fajardo, recorda que xa pedira no comezo da tempada de baño que, "dadas as dúbidas esixentes sobre a salubridade da auga", se realizasen analíticas semanais, publicando os resultados e deixando copias ben visibles nos taboleiros da praia, pero a petición non obtivo resposta.
Na súa opinión, este episodio recoñecido de contaminación "amosa que o perigo para a poboación é contar cun goberno tan incompetente e con tan absoluto desprezo pola saúde dos veciños". Por iso, solicita "a inmediata dimisión de Rocío Llovo como concelleira de Sanidade e, por suposto, como liberada".
"Unha de dúas: ou a concelleira enganou a poboación, ocultándolle o estado da auga, ou ben non tiña nin idea da súa mala calidade o que aínda parece peor, tendo en conta que é a súa responsabilidade", denuncia.