Levántase a restrición de baño nas praias da Concha e Compostela
Por Redacción
A Delegación Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra comunicou este mércores ao Concello de Vilagarcía que os niveis de concentración microbiolóxica nas augas das praias da Concha e Compostela descenderon de xeito acusado nas últimas horas ata situarse en índices normais.
En vista dos resultados das analíticas das mostraxes tomadas o martes, o Concello ordenou baixar a bandeira vermella e retirou os avisos desaconsellado o baño. Ademais colocaranse notas informativas cos novos resultados das analíticas para maior tranquilidade dos usuarios.
As análises remitidas polo departamento de Sanidade constatan que o martes a concentración de e.coli nas augas das zonas de baño da Compostela situábase nas 50 ufm por cada 100 miligramos e a da Concha nas 40. Estes niveis atópanse dentro da normalidade, incluso a un nivel de contaminación moi baixo, xa que o límite máximo que se permite sitúase nas 1.500 ufm. A propia notificación de Sanidade recolle que os niveis actuais "son aceptables polo que non supoñen un risco para a saúde dos bañistas".
O departamento autonómico tamén comunicou ó Concello que segundo a lexislación vixente "pódense retirar os carteis de prohibición do baño ou recomendacións de absterse nesta zona". A normativa en concreto é o Real Decreto 1341/2007, de 11 de outubro, sobre a xestión da calidade das augas de baño e a Directiva 2006/7/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 15 de febreiro de 2006, relativa á xestión da calidade das augas de baño".
En vista de experiencias doutros anos en situacións similares e dada a rapidez coa que a situación das augas de baño dos areais vilagarciáns retornou á normalidade despois do esaxerado repunte detectado nas mostraxes tomadas o luns e cuxos resultados se coñeceron onte martes, recobra máis forza a hipótese de foi a combinación de dous factores climatolóxicos os que incidiron principalmente no episodio puntual: a intensidade das chuvias durante as dúas xornadas anteriores e o vento do sur que arrastra cara o fondo da ría, onde se atopan as praias de Compostela e A Concha.
O goberno local lanza unha mensaxe de tranquilidade aos bañistas e usuarios da praia, explicando que as medidas de precaución adoptadas onte garanten precisamente o exhaustivo control ao que se someten as augas das praias de Vilagarcía por parte das autoridades sanitarias, advertindo calquera incidencia tan pronto como se producen, para previr así calquera tipo de risco por pequeno que sexa. As analíticas realizadas ás mostras tomadas onte demostran que o episodio puntual superouse en poucas horas.
Relacionadas:
-
Desaconsellan o baño nas praias urbanas de Vilagarcía pola elevada concentración de e-coli
Por Redacción |
-
As praias de Vilagarcía abren ao baño ao remitir a contaminación por bacteria e-coli
Por Redacción |
-
Prohibido o baño en dúas praias de Vilagarcía pola elevada concentración da bacteria e-coli
Por Redacción |