Desaconsellan o baño nas praias urbanas de Vilagarcía pola elevada concentración de e-coli
Por Redacción
A Delegación Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra comunicou este martes ao Concello de Vilagarcia que os niveis de concentración microbiolóxica nas augas das praias da Concha e Compostela superaban os baremos permitidos segundo as analíticas realizadas o luns.
En vista da situación, e en espera dos resultados das mostraxes que se tomaron a longo desta xornada, o Concello desaconsella o baño nos dous areais e ordenou izar a bandeira amarela para advertir os usuarios. Tamén se colocaron carteis informativos nos paneis das praias.
As análises remitidas polo departamento de Sanidade detectaron unha concentración de bacteria e-coli nas augas das zonas de baño da Compostela de 1.800 UFM (Unit Forming Colonies) por cada 100 miligramos e nas da Concha de 2.800.
Dado que o límite máximo que se permite sitúase nas 1.500 UFM, o Concello, a través da Concellería de Sanidade, decidiu adoptar as correspondentes medidas de precaución alertando aos bañistas da situación e desaconsellando o baño ata coñecer os resultados das contraanálises.
Segundo informou o Concello, polo momento descoñécense as causas da elevación dos niveis microbiolóxicos nas praias da Compostela e a Concha, aínda que unha posibilidade é que veña provocada polas intensas choivas dos últimos días e os ventos do sur que arrastran ao interior da ría tanto algas como as concentracións de substancias contidas nas augas.
De feito, un episodio similar produciuse a finais de setembro do pasado ano, cando despois duns días de treboada e ventos do sur tamén se elevaron os niveis de e-coli por riba dos índices permitidos. Nese caso, a concentración microbiolóxicas foi puntual e regresou aos parámetros normais ao día seguinte.